Un «nunca máis» ao fascismo

Un «nunca máis» ao fascismo
Foto visita Comisión europea Pazo de Meirás
Foto visita Comisión europea Pazo de Meirás

O Parlamento Europeo aprobou con amplísima maioría unha resolución que podiamos chamarlle o «nunca máis ao fascismo». Demasiadas denuncias que non collen nun texto, casos dramáticos de ataques por grupos racistas, xenófobos, neonazis, a denuncia dos 19 de Meirás, os ataques de grupos fascistas a manifestantes, xornalistas, a persoas pola súa cor de pel, pola súa orientación sexual, xénero, relixión, loitas, a movementos e asociacións que defenden a memoria histórica e calquera causa. Europa debía dicir algo xa, non ficar coa venda nos ollos diante de novas ameazas xa vistas no prisma da historia recente de moitos pobos.

Estou orgullosa de que tres mulleres, a italiana Eleonora Forenza -que sufriu, xunto co seu asistente, un recente ataque por un grupo neonazi en Italia-, a sueca de orixe xitana Soraya Post e mais eu mesma fósemos quen de chegar a un acordo inicial e de que outras dúas mulleres representando a outros grupos tamén levaran as negociacións. Non é frecuente iso na Eurocámara e seguramente tivo moito que ver nos acordos finais. 355 votos contra o fascismo que representan a 400 millóns de mulleres e homes europeos. Eran necesarias medidas urxentes para frear esta violencia, ese acoso contra a democracia, contra a liberdade, contra a tolerancia e a liberdade de expresión. Un paso importante é que o Parlamento Europeo pídelle ao Estado que prohíba a Fundación Francisco Franco, a que fai apoloxía do franquismo e xestiona o Pazo de Meirás, ese espolio relatado de sangue. A prohibición de asociacións que fan apoloxías do fascismo e do nazismo, recollida no artigo 20 da resolución, é contundente. Rematar coa anormalidade democrática coa que vivimos, co único caso en Europa dunha fundación que fai apoloxía da figura dun ditador, o único! E solidario tamén o apoio á emenda do BNG cos 19 pacifistas denunciados pola familia Franco por reclamar a devolución do pazo roubado.

O clamor para que non existan mausoleos a ditadores como o do Valle de los Caídos e a demanda da retirada de toda a simboloxía franquista, e que a que non poida ser eliminada sexa suxeita á necesaria contextualización e reinterpretación para contribuír a sensibilizar para a recuperación da memoria histórica, son algúns dos contidos aos Estados e ás Comisións desta resolución que van pasar á historia e dos que estou orgullosa como eurodeputada galega e como muller antifascista. Emocioneime ao ver o apoio maioritario do Parlamento, que deu un paso para non calar diante da intransixencia e o franquismo que aínda persiste.

 

Artigo de Ana Miranda en La Voz de Galicia o 30 de outubro de 2018.