[Galegas 2020] Voto por correo do persoal embarcado

Sobre

Poden exercer o dereito de voto -seguindo o procedemento que se describe a continuación- o persoal dos buques da Armada, Mariña Mercante ou flota pesqueira de altura, con bandeira do Estado español, que teña que permanecer embarcado desde a convocatoria das eleccións até a súa celebración, e que durante ese período atraque en portos situados en territorio do Estado, e que estean previstos con anterioridade.

1. Solicitude do certificado de inscrición no censo.

A solicitude do certificado de inscrición no censo poderá obterse da Delegación Provincial da OCE onde @ elector/a estea inscrit@, do mesmo xeito que na modalidade de voto por correo ordinario e dentro do mesmo prazo (do 19 de maio ao 2 de xullo), agás as especialidades que se exporán de seguido:

  • A solicitude cursarase por radiotelegrafía.
  • Na mensaxe farase constar:
    Nome e apelidos do/da solicitante.
    Nº do documento de identidade.
    Data de nacemento.
    Concello e provincia de nacemento.
    Concello de residencia en que está incluído no censo electoral.
    Enderezo, especificando rúa, número, etc..
    Nome do buque no que se encontra embarcado.
    Porto ou portos nos que teña previsto atracar o buque, con indicación das datas concretas en que se vai efectuar o atraque.
    Se puidese recibir a documentación electoral por medio doutro buque, indicarase a casa armadora, consignataria ou buque onde poda ser enviada.
  • A solicitude envíase á Delegación Provincial da OCE.
  • Os servizos de radiotelegrafía dos buques terán a consideración de dependencias delegadas do servizo de correos, e os comandantes e capitáns, ou o oficial en que deleguen, ostentarán a consideración de funcionari@s encargados da recepción da solicitude.

2. Remisión da documentación ao/á elector/a.

A Delegación Provincial da OCE, comprobada a inscrición d@ interesad@, considerará a todos os efectos recibida a solicitude e remitirá a documentación a que nos referíamos no voto por correo ordinario ben ao porto, ben á casa armadora, consignataria ou buque que @ elector/a designase, e ao seu nome.

3. Envío pol@ elector/a da papeleta de voto.

En idéntico prazo que o voto por correo ordinario (até o 8 de xullo), @ elector/a remitirá por correo urxente e certificado, desde calquera dos portos en que atraque o buque a documentación electoral á mesa en que lle corresponde votar.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG