[Galegas 2020] Procedemento ordinario para residentes inscritos/as no censo electoral

Sobre

 

1. Solicitude de inscrición no censo á Oficina do Censo Electoral:

Tod@ elector/a que desexe votar por correo debe acudir a calquera Oficina de Correos, e solicitará o certificado de inscrición á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral (OCE) correspondente, en impreso oficial fornecido nas propias Oficinas de Correos. A solicitude do voto por correo pode realizarse desde o día 19 de maio até o 2 de xullo.

O/a elector/a deberá identificarse co seu documento de identidade (non se admite fotocopia do mesmo), e @ funcionari@ de correos comprobará a súa identidade e a coincidencia da sinatura que figura no documento de identidade coa da solicitude.

Unha vez cumprimentada a solicitude, envíase por correo certificado á Delegación Provincial da OCE, que –comprobada a inscrición do elector/a- realiza a anotación correspondente no censo, coa finalidade de que o día das eleccións non se vaia votar persoalmente. É importante sinalar que o inicio da tramitación do voto por correo –aínda que despois se desista- impide o voto en mesa electoral o día das eleccións.

2. Remisión da documentación ao/á elector/a:

No prazo comprendido entre o 22 de xuño ao 5 de xullo, a OCE enviará aos/ás solicitantes do voto por correo a documentación electoral. O envío realízase por correo certificado ao enderezo sinalado pol@ elector/a na solicitude de inscrición do censo electoral, ou no seu defecto (se non consta o enderezo), ao enderezo que figura no censo electoral.

A Delegación Provincial da OCE envía ao/á elector/a o certificado de inscrición no censo, as papeletas e sobres electorais, o sobre no que figura o enderezo da Mesa electoral en que lle corresponde votar ao/á solicitante do voto por correo, e un folla explicativa de todo o proceso.

A recepción da documentación será recibida e asinada persoalmente pol@ interesad@, acreditando a súa identidade ao/á funcionari@ de correos que lla entregue. Se non se encontra no enderezo @ interesad@, @ funcionari@ de correos deixa aviso ao/á interesad@ para recoller persoalmente a documentación electoral nas oficinas de correos, acreditando a súa identidade. Quer dicir, que @s funcionari@s de correos non poden deixar a documentación no enderezo a familiares, amig@s, ou calquera outra persoa que non sexa @ solicitante do voto por correo.

3. Envío do sobre coa papeleta de voto.

Coa documentación electoral no seu poder, @ elector/a elixe a papeleta de voto e introdúcea no sobre branco sen marcas, chatas, ou manipulacións. De seguido, este sobre e máis o certificado de inscrición no censo electoral introdúcense no sobre que contén o enderezo da mesa electoral, e lévase a correos para o seu envío até o día 10 de xullo (inclusive).

Todo o proceso descrito é gratuíto para os/as electores/as.

 

NOTA:

Por resolución da XEC, resulta admisíbel que os electores e electoras  poidan realizar a petición de voto de forma telemática na web de Correos, mediante sinatura electrónica.

Para a entrega da documentación electoral, o persoal de correos, ao facer entrega da documentación electoral persoalmente ao elector ou electora, pode darlle a opción de que nese mesmo intre, entregue os sobre electorais a cambio dun xustificante acreditativo do seu voto.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG