A Xunta acosa aos concellos impoñéndolles funcións que corresponden ao Goberno galego

Colaboración si, pero non se pode usar os municipios nin a FEGAMP para lavarlle a cara á Xunta, advirten os alcaldes e alcaldesas nacionalistas

Franxas de protección, servizos sociais, loita contra a velutina ou benestar animal, entre as competencia impropias que se cargan sobre os concellos

Os concellos gobernados polo BNG alzan a voz para denunciar que o Goberno de Feixóo fai unha deixación continuada das súas funcións para descargalas sobre os municipios, que nin teñen esas competencias, nin contan con medios económicos e materiais. Colaboración si, subliñan os e as alcaldesas nacionalistas, pero cada administración ten que asumir a responsabilidade que lle toca.

“Os municipios gobernados polo BNG non imos asumir a omisión de funcións do Goberno da Xunta”, recalcou a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, quen xunto co rexedor de Carballo, Evencio Ferrero, representan ao Bloque na comisión executiva da FEGAMP. “Estamos sufrindo un acoso constante cargando en nós responsabilidades e servizos que non nos corresponden, para tapar a súa incapacidade de desenvolver políticas que resolvan os problemas”, recalcou Santos.

A modo de exemplo, citan as franxas de protección contra o lume, servizos sociais, a loita contra a velutina ou a seguridade animal. “A Xunta descarga nos concellos estas competencias por riba nun contexto e que a mal chamada Lei de racionalización de Montoro impide contratar persoal ou adicar recursos a competencias impropias”, argumenta a rexedora de Moaña.

“Non hai peor política que a que non existe, e cando iso pasa mírase para os lados para buscar responsables, recurso que usa a Xunta con moita frecuencia”, afondou Ferrero. “Os concellos temos a responsabilidade de colaborar, colaboración sempre, pero non podemos suplir nin o traballo nin a responsabilidade da Xunta”, enfatiza.

No caso das franxas de protección, consideran “absolutamente imposible que a administración local asuma esa responsabilidade”, destacou o alcalde de Carballo apelando á realidade do seu propio municipio con dous mil quilómetros de pistas propias.

“Ante unha vaga de lumes tan desgraciada como a do pasado outubro responsabilizase ao concellos, pero cada un ten as súas responsabilidades e a dos municipios chega exclusivamente á da colaboración. Non se pode utilizar nin aos concellos, ni Á FEGAMP como instrumento de lavado de cara da Xunta,  que ten que asumir dunha vez que é a responsable da política forestal do país”, argumentou Ferrero.

Dentro da denuncia desa imposición de funcións, a recente Lei de Benestar animal, que o Goberno galego traslada ao ámbito local. Cun axuda autonómica total de 300.000 euros, os municipios son obrigados a asumir un gasto medio de 50.000 euros, que no caso dunha vila coa dimensión de Carballo chega a 270.000, case o equivalente a todo o orzamento disposto pola Xunta.

“Non podemos ser o albo de todas as leis que aproba a Xunta, porque non somos os responsables”, sintetizou o rexedor de Rianxo, Adolfo Muíños, tamén nesta comparecencia na que participaron en representación dos gobernos locais do BNG a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Iglesias, e a responsable nacional de Política Municipal, Eva Vilaverde.

“Os concellos estamos dispostos a colaborar na medida das nosas posibilidades, pero o que non estamos é dispostos a asumir responsabilidades que son da Xunta, neste caso, da súa falta de políticas para resolver cuestións tan importantes como a política forestal ou de apoio ao medio rural”, concluíron.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG