A xuíza Servini chama a declarar ao ministro franquista Martín Villa tras o encontro mantido con Ana Miranda

Ana Miranda e María Servini
Ana Miranda e María Servini

A eurodeputada do BNG insta ao goberno estatal a non obstaculizar o traballo da instrutora da Querela Arxentina e o seu equipo

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, membro do Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, salientou o valor e valentía da xuíza María Servini, que onte emitiu a notificación de comparecencia do exministro franquista Rodolfo Martín Villa. Precisamente Miranda mantivo un encontro este luns coa xuíza arxentina, durante o que lle pediu que fixese todo o posible por acelerar o proceso de imputación de este exministro.

Tras a emisión desta citación, a eurodeputada galega insta ao Goberno estatal a “non obstaculizar o traballo da xuíza arxentina”, tal e como María Servini solicitou en diversas ocasións. Miranda considera inaceptable que os sucesivos gobernos do Estado poñan trabas a que os crimes do franquismo sexan xulgados, polo que reclama a colaboración “sen fisuras” coa xustiza arxentina.

María Servini instrúe desde 2010 o único proceso xudicial do mundo que investiga os críies do franquismo -coñecido como Querela Arxentina- e xa en 2014 ditou unha orde de detención internacional para que o ministro franquista fora extraditado a Arxentina para tomarlle declaración. Porén, a solicitude de extradición foi rexeitada a través dun acordo do Goberno de Rajoy en marzo de 2015.

Tras esta negativa por parte do Goberno español a colaborar coa investigación dos crimes do franquismo, Servini emitiu unha comisión rogatoria para tomarlle declaración nos xulgados españois. Esta primeira comisión rogatoria foi, de novo, rexeitada en outubro de 2016.

Resolución contra o fascismo

Durante o seu encontro coa xuíza arxentina, Miranda entregoulle a “Resolución do Parlamento Europeo sobre o avance do fascismo en Europa”, aprobada o pasado 25 de outubro de 2015, para que sexa incorporada ao expediente del franquismo. Miranda tamén lle fixo entrega do libro dos investigadores galegos Carlos Babío e Manuel Lourenzo, no que se relaciona a ditadura co espolio económico, tema no que a xuíza Servini amosou gran interese.

1(1)3(1)2(1)

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG