Imprimir

O voto en contra do PP impide que o galego sexa “vehicular” no ensino

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 11 de Xuño de 2019

A deputada lamentou o voto en contra ao texto do BNG e volveu a pedir “vontade” ao PP para antepoñer a defensa dos dereitos e intereses de Galiza fronte aos intereses partidistas e as posicións que atacan a lingua galega.

O BNG defendeu hoxe unha proposición de lei para elevar “a rango de lei”  o uso do galego  como “lingua vehicular no ensino”. A lei, defendida pola deputada, Olalla Rodil  foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular argumentando que non existen problemas nesta materia.

Na defensa da Lei, a parlamentaria do BNG negou enerxicamente  as afirmacións do portavoz popular Cesar Manuel Fernández e insistiu na necesidade de reformar a Lei de Normalización Lingüística de 1983, para garantir que o galego, como lingua propia de Galiza, sexa tamén lingua oficial e vehicular en todos os niveis educativos. E facémolo, dixo, por dúas razóns, porque é “una obriga dos poderes públicos galegos garantir o uso da lingua galega en todos os planos da vida pública e os datos constatan que lonxe de avanzar, una parte cada vez maior das galegas e galegos sente una gran presión para abandonar o uso do galego”.

Rodil lembrou  que a propia Real Academia Galega pronunciouse neste mesmo sentido e os datos  do Instituto Galego de Estatística do ano 2013 confirman  que , por vez primeira desde que existen rexistros,  “a lingua inicial maioritaria  é o castelán”. Hai só dúas décadas, a comezos dos 90, reiterou a deputada do BNG,  “o galego representaba a lingua inicial ou materna do 62% da poboación maior de 15 anos, hoxe  representa o 40%”.

 As políticas do Partido Popular, “lonxe de frear a perda de falantes, está a acelerar o proceso até ter convertido a escola nun axente desgaleguizador”, reiterou.

A deputada do BNG tamén  aludiu á iniciativa “Desafío 48 horas” impulsada polo  Servizo de Normalización Lingüística do IES  María Casares de Oleiros para animar ao alumnado a falar galego durante dous días pero o desafío tamén buscaba escoitar ao propio alumnado sobre a súa experiencia e saben que dicían, preguntou, “É una pena que non nolo falasen antes en infantil e Primaria.

Actualmente, no noso país, “só o 8,5% das escolas infantís nas cidades imparten aulas maioritariamente en galego fronte ao 72% que o fan en todos os casos ou na súa maioría en castelán”.

Propomos elevar a rango de lei, “incluíndoo na Lei de Normalización”, que todas as crianzas de Galiza, calquera que sexa a súa lingua inicial ao comezar o ensino, podan   utilizar de maneira “normal e correctamente o galego de igual maneira que o son en castelán” e para iso, a Xunta de Galiza deberá garantir, como mínimo, “un terzo do horario lectivo semanal en galego no ensino infantil naqueles contextos en que a lingua predominante sexa o castelán e que  esta porcentaxe vaia incrementando de maneira progresiva”.

E tamén, deberá desenvolverse unha oferta estábel de cursos de formación en lingua galega para atender ás necesidades do alumnado e profesorado universitario foráneo co obxectivo de garantir o dereito a recibir aulas en galego no ensino superior.

 A deputada do BNG cominou ao Partido popular a autoemendarse  e  “dar carpetazo” a unha política lesiva para a lingua galega. “Dar as constas e ese  discurso sustentado en mentiras e falacias que axitaron sen pudor hai dez anos. Que non lles marque a axenda a dereita e a extrema dereita españolas nin sequera o seu propio líder desde Madrid”, recalcou.

A deputada lamentou o voto en contra ao texto do BNG e volveu a pedir “vontade” ao PP para antepoñer a defensa dos dereitos e intereses de Galiza fronte aos intereses partidistas e as posicións que atacan a lingua galega.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/voto-do-pp-impide-galego-sexa-vehicular-ensino/20190611124741025002.html


© 2019 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr