Parlamento Galego

O vertedoiro de Lousame é unha bomba ambiental de efecto retardado

mini
Mini
  • O BNG esixe a inmediata paralización deste proxecto
  • O nacionalista, Xosé Luís Rivas cuestionou o modelo SOGAMA e preguntou ao Goberno que previsión manexa sobre a futura instalación do vertedoiro de residuos industriais en Lousame

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas preguntou á conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato que medidas tomará ante a solicitude dun novo vertedoiro de residuos industriais en Lousame.

Na súa intervención, o  deputado explicou que o  monte Culou, en Lousame, é un  berce natural, na cabeceira da cunca que alimenta o rego de Fontecavada, que verte no río Vilacoba, cunha cunca tributaria de 201 has, no que a  Gestora de Residuos del Noroeste pretende instalar un “Centro de Xestión Ambiental” , e dicir, “un vertedoiro  de lixo industrial”.

O río Vilacova xúntase ó Río da Mina de San Fins e forman o Traba que verte as súas augas  na Ría de Muros-Noia e  este esteiro da  Ría de Muros e Noia alberga os máis grandes bancos naturais de cría e produción de moluscos do noso país, nomeadamente berberecho e ameixa. Da súa extracción e comercialización viven, cada tempada, un grande número de veciños e veciñas desa comarca, nos últimos anos perto de 1.600 mariscadores e mariscadoras que  traballan nas concesións xestionadas pola Confraría de Pescadores de Noia.

Este proxecto de vertedoiro, de chegar a realizarse, lamentou o nacionalista,  ameazaría esta riqueza herdada dos nosos antepasados, patrimonio dos actuais galegos e obrigado legado para  xeracións futuras.

O macro vertedoiro que ocuparía 20 hectáreas e que  actuaría asociado a SOGAMA, ten previsto recibir nos dez anos de vida útil 700.000 Tm das  100.000 Tm de residuos que acollería anualmente das que  “máis das tres cuartas partes rematarían soterradas no vertedoiro” xerando lixiviados que escorrerían ás nacentes e ríos e arrastrando todo ao seu paso pondo en perigo os bancos naturais de marisco da ría.

“Chamamos ao  goberno galego á sensatez política”. O BNG, recalcou o deputado,  está por avanzar nun modelo de xestión dos residuos baseado nas tres erres,   “Redución, Reutilización e Reciclaxe” e a compostaxe para superar  o modelo de SOGAMA, un modelo  “ineficaz, esgotado e contaminante”, todo o contrario do que o goberno do PP patrocina.

O modelo  SOGAMA que no 2015 reciclou só un 3,23% ademais dun sistema caro está obsoleto. Pode ser un bo negocio para algúns, asegurou Xosé Luís Rivas  pero  pon “en perigo o futuro do noso equilibrio ambiental”. A este ritmo, preguntou,  cómo vai Sogama e asociados chegar ó 50% de lixo reciclado que esixe Europa para o  2020?

Vertedoiros: Bombas ambientais retardadas

Desde o BNG, engadiu, Rivas, queremos coñecer a posición do Goberno galego  sobre o  futuro   vertedoiro de Lousame e doutros que forman ou pretenden formar parte da rede de “bombas ambientais retardadas” que herdarán os fillos dos fillos dos nosos fillos, e que se non lle poñemos remedio hipotecarán unha parte esencial do seu futuro.

A consellería de Medio Ambiente responde ao BNG que  aplicará a lei

Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato afirmou que no caso de existir   “un só informe negativo” o vertedoiro non saíra adiante. A conselleira explicou que o novo vertedoiro non terá relación con SOGAMA porque a solicitude é para unha planta “de residuos industriais e SOGAMA e unha xestora de residuos urbanos”. Mato reiterou que o proceso do futuro vertedoiro “vai acorde coa lei vixente” e na actualidade só está pendente do informe final. A Conselleira reiterou a súa resposta  ao deputado do BNG afirmando  re que de existir “un só informe negativo” será paralizado o proxecto.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG