Ser Trans non é unha doenza!

LGBTI. Foto: unsplash.com
LGBTI. Foto: unsplash.com

Con motivo do Día Internacional de Acción pola Despatoloxización Trans, proclamamos alto e claro que ser trans non é ningunha doenza, nin física nin psíquica. E desde o BNG exiximos máis unha vez a plena despatoloxización da transexualidade.

Lonxe de se aceptaren comportamentos ou xeitos de ser que non encaixen dentro dos padróns patriarcais e da cisheteronorma, ademais de seren reprimidos mediante a forza e a represión, téntase deslexitimalos ao recorrer á patoloxización, isto é, calquera persoa que non é considerada ‘normal’ está clasificada como doente e debe ser diagnóstica e tratada. E se non se pode diagnosticar como doenza física, sempre se pode botar man da psiquiatría e da psicoloxía.

Así se considerou unha doenza mental (drapetomanía) as arelas de liberade d@s escrav@s african@s nos EUA, practicábanse clitoridectomías forzosas para ‘curar’ a histeria e a masturbación femininas e a OMS non ratificou a retirada da homosexualidade da súa listaxe de doenzas (ICD) até 1990.

Aínda hoxe, en pleno século XXI, as persoas trans seguen a ser vítimas desta política. Nunha tentativa de desviar as críticas, este mesmo ano a OMS procurou maquillar a continuada patoloxización da transexualidade ao eliminar a denominada "incongruencia de xénero" como doenza mental na proposta da nova clasificación (ICD-11). No entanto, segue a manter a transexualidade dentro do capítulo dedicado ás ‘disfuncións sexuais’. Non é máis que un lavado de cara que mantén consideración da transexualidade como trastorno e perpetúa a estigmatización das persoas trans.

Desde o seu compromiso de traballar man na man co colectivo trans e as organizacións LGBT, o BNG exixe a plena despatoloxización da transexualidade e a aprobación da Lei integral trans galega fronte ao boicot do Partido Popular, para construírmos unha Galiza verdadeiramente ceibe para tod@s.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG