“Quérote falar!“ A nova campaña de dinamización lingüística do concello de Sarria

qurote
Campaña de dinamización lingüística do concello de Sarria

“QUÉROTE FALAR!“ é o lema que engloba as actividades que a área de Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Sarria, desenvolverá ao longo de todo maio, o mes da lingua galega.

Esta proposta dirixida pola área de goberno do BNG no concello busca por en valor, de xeito positivo e lúdico, o emprego do galego na infancia, motor indispensable para a pervivencia da lingua. Así, boa parte das iniciativas deste mes están destinadas ao público infantil e mozo.

Precisamente os nenos e nenas son os destinatarios da exposición que hoxe se inaugura no CEIP Frei Luis de Granada que, co título “O GALEGO TAMÉN NOUTROS MUNDOS”, fai un percorrido histórico e xeográfico polo emprego da lingua e a cultura galega en distintos países e ámbitos, desde o recoñecemento universal das Cantigas medievais, ata o emprego da nosa lingua por poetas como García Lorca, o éxito mundial da música galega ou o valor engadido da lingua no eido da publicidade e do márketing. A mostra circulará polos centros educativos de Sarria durante os meses de maio e xuño.

Ademais, os centros públicos e privados de Infantil e Primaria do concello gozarán dun concerto musical, a cargo do cantante Magín Blanco. Os IES da vila terán a actuación poética e musical de María Lado e Lucía Aldao, co espectáculo “MOITA POESÍA POUCA DIVERSIÓN” que reflexiona sobre o uso e a promoción da lingua galega.

Fóra do ámbito escolar, o mes da lingua conta con numerosas propostas culturais, entre as que destacan:

  • 14 de maio: Actuación do grupo Odaiko coa banda de Música de Sarria, as 20.00 h. na praza da Vila
  • 16 de maio: O actor Carlos Blanco presentará o seu espectáculo de monólogos ao redor a lingua as 20,30 h. na Praza da Vila
  • 17 de maio, Día das Letras Galegas, a concelleira de Cultura e Igualdade, Mónica López, e o tenente de Alcalde, Efrén Castro presentan GALEGOZA, a marca coa que se desenvolverán, ao longo de todo o ano, diversas iniciativas de promoción e dinamización do galego.

Para os nenos e nenas, terá lugar no Malecón, a partir das 17,30 h. , a “Festa da lingua”, un conxunto de actividades lúdicas: xincanas, obradoiros de maquillaxe, concursos, contacontos...

Ás 20,00 h, na casa da Cultura, terá lugar un festival poético,musical e teatral organizado pola Asociación Sarricanta,

  • 20 de maio: Unha nova actividade para o público infantil, de mans de Paco Nogueiras e o seu espectáculo musical “Brincavai 2.0”, as 18,30 na Casa da Cultura.
  • 21 de maio: pechará as actividades do mes da lingua a representación de “A Galiña Azul”, do autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, Carlos Casares, pola Compañía Os Sete magníficos+1.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG