Parlamento Aberto

Propostas para recuperar as rías: ENCE fora de Pontevedra e plan integral de saneamento

Parlamento Aberto
Parlamento Aberto

Ana Pontón: “As rías galegas merecen máis que un Goberno que desaproveita a súa riqueza e bota a perder miles de postos de traballo”

O BNG celebrou a VI Xornadas Parlamento Aberto para abordar a situación das rías galegas cun panel de expert@s, representantes do sector pesqueiro e marisqueiro e responsables políticos, e reclamou o saneamento e rexeneración integral das rías, que leva vinte anos de retraso.

“Un ecosistema único, seguramente o principal motor económico do país e a empresa máis importante que ten Galiza, pero o saneamento e a rexeneración integral das rías é unha asignatura pendente”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, na apertura da xornada, onde criticou a incompetencia política do Goberno de Feixóo que dilapida miles de empregos.

“As rías galegas merecen moito máis que un Goberno que desaproveita a súa riqueza, incapaz de completar o saneamento integral das súas augas. E as consecuencias son evidentes: redución da actividade produtiva pesqueira, marisqueira e acuicola, perda de miles de postos de traballo, problemas de contaminación ambiental, cuantiosas perdas económicas tanto polo que se deixa de ingresar como polas multas a pagar por non cumplir a normativa”, alegou Pontón.

Parlamento AbertoOs datos facilitados pola propia Xunta revelan que hai 1.358 vertidos dos que 348 son contaminantes. Se atendemos as rías, na de Arousa, un recente informe da UVI detectou vertidos contaminantes de augas depuradas e non depuradas e mortandade de marisco pola baixada da salinidade nos lombos do Ulla. “Por se estas amezadas fosen poucas, podería recibir un golpe mortal se a Xunta permite a reapertura da Mina de Touro- O Pino”, alertou.

Na Ría do Burgo, toneladas de lodos tras anos anos de espera por unha actuación de dragado e recuperación integral. Na de Ferrol, desapareceron máis de 3.000 especies pola contaminación e a Ensenada da Malata o a de Caranza figuran case sempre na lista de puntos de maior contaminación do litoral galego.

No caso das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo a produción de berberecho case desapareceu, -cunha caída do 93%-, a producción de ameixa caiu un 28% e a produción de vieira un 57%. “E mentres, ENCE segue na Ría de Pontevedra cunha prórroga indecente,  contaminando e destruíndo centos de empregos, pero esa batalla ímola ganar”, subliñou Pontón.

Propostas urxentes

Para mudar a situación das rías, o BNG lanza unha batería de propostas. Un Plan xeral de saneamento como prevé a normativa galega e, dunha vez por todas, completar a limpeza integral das augas. ENCE fora da ría e actuacións de rexeneración que pasen por eliminar vertidos, realizar dragados e unha rede de depuración en todo o litoral.

Igualmente, competencias plenas para Galiza en materia de augas e competencias en salvamento marítimo, “porque xa vimos as dramáticas consecuencias de que decidan desde Madrid sobre as nocas costas”, alegou, e unha aposta contundente polo sector pesqueiro e marisqueiro e pola acuicultura extensiva.

Pontón indicou que a situación das rías é unha evidencia máis da discriminación do Estado con país. “PSOE agora, como antes o PP, ignoran os intereses dos galegos e das galegas.  Nada se fai por sacar a contaminación de ENCE de Pontevedra, nada por dragar a Ría do Burgo, nada por acabar coa estafa das peaxes, nada para garantir a devolución do Pazo de Meirás, nada para evitar o espolio enerxético”, por iso, “é máis necesario ca nunca un proxecto político que teña Galiza como único referente, como é o BNG”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG