Galegas 2016

Propoñemos a creación dun Consello Galego de Persoas con Discapacidade

Encontro en Aixiña
Encontro en Aixiña
  • O BNG recolle o malestar de asociación de discapacitados e colectivos de enfermos porque as leis nin se cumpren nin se dotan con orzamentos

Noa Presas, cabeza de lista do BNG ao Parlamento galego, escoitou hoxe a distintas organizacións de axuda a persoas con discapacidade e colectivos de persoas afectadas por enfermidades. A candidata nacionalista comprometeuse a seguir loitando ao lado das asociacións para que as leis se cumpran e a promover a dotación orzamentaria necesaria para facelas efectivas.

Presas avanzou que o BNG proporá durante a próxima Lexislatura a creación dun Consello Galego de Persoas con Discapacidade. E engadiu que “se trata de formar un órgano paritario no que a Administración e as asociacións traballen de maneira conxunta para solucionar cuestións como os incumprimentos das leis ou as insuficiencias orzamentarias”.

Noa en Aixiña“Pasamos anos loitando na rúa por ter leis coma a de dependencia ou a de accesibilidade e eliminación de barreiras que agora non se cumpren nin se fan cumprir”, advertiron portavoces das organizacións como Discafis ou Alcer, entre as presentes na xuntanza, que se celebrou na sede de Aixiña.

E tamén se expresaron queixas pola política de subvencións da Xunta, que adía o reparto das axudas “afogando” financeiramente as asociacións; ou polo constante relevo do persoal de atención, que esixe a propia Administración, e que ocasiona problemas tamén de carácter emocional e esixe unha constante adaptación ás persoas que reciben o servizo.

Presas recordou que o BNG aposta por consolidar un Servizo Galego do Benestar que poida facer, no ámbito dos servizos sociais, o papel do Sergas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG