O prometido plan de promoción do galego entre a mocidade durme nun caixón da Xunta desde 2015

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil: “O Goberno do PP anunciou este plan en 2015 e a día de hoxe aínda non mandou o texto ao Parlamento. Levan 4 anos facendo que fan”

O BNG denunciou no Parlamento o pertinaz incumprimento da Xunta en relación á elaboración e presentación do plan de promoción do galego entre a xente moza, -colectivo que non deixa de perder falantes-, que o Goberno de Feixóo anunciou por primeira vez en 2015 pero que, a día de hoxe, nin sequera foi capaz de mandar un borrador á Cámara.

Como explicou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil: “Da proposta que ía estar remitida ao Parlamento para facer achegas e aportacións nada se sabe e no último anuncio xa desapareceu o cronograma de tanto incumprilo”, ironizou en relación a un plan que inicialmente tiña como período de aplicación 2017-2020, de aí pasou a  2018-2022 e de aí a 2019-2022.

“Dicía o Goberno fai un ano que non había que durmirse nos loureiros pero aínda non vimos nin o primeiro borrador, levan catro anos facendo que fan, e non facer tamén é unha decisión política. O que vemos é que seguen ollando impasibles os datos de perda de falantes entre a xente moza como advirten tanto a RAG como o Consello da Cultura Galega”, reprochou Rodil ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Unha perda de falantes entre a mocidade que o Bloque atribúe, entre outras causas, ao “decreto da vergoña” aprobado polo Goberno do PP. “Esperamos que nesta ocasión cumpra o novo prazo anunciado de maio para presentar un plan que até agora non pasou de ser o eterno anuncio”, indicou a viceportavoz.

A deputada do Bloque reprochoulle ao PP que votase en contra das medidas que foron retiradamente presentadas pola formación nacionalista para frear a perda de falantes entre a xuventude, como por exemplo ampliar e diversificar a oferta en galego de produtos culturais e de ocio atractivos, sobre todo no ámbito audiovisual.

Rodil fixo referencia á concentración diante do Concello de Lugo a favor do uso do galego convocada pola Plataforma Queremos Galego, contra o fallo do Tribunal Constitucional que cuestiona a decisión da institución de ter o idioma do país como lingua de uso preferente. “Onde está o pronunciamento da Xunta a favor dos dereitos lingüísticos dos e das galega falantes?”, interpelou Rodil.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG