O PP votará en contra de facer do 1 de decembro o “Día da Dignidade de Galiza”

Voluntarios recollendo o chapapote do Prestige
Voluntari@s recollendo o chapapote do Prestige

Montse Prado defendeu esta iniciativa do BNG para facer deste día un recoñecemento ás persoas que loitaron contra o chapapote do Prestige

A deputada nacionalista denunciou que pasados 15 anos do Prestige,  a costa galega segue igual de indefensa

A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe, a través dunha proposición non de lei, establecer o día 1 de decembro como Día da dignidade de Galiza e regular a organización de actividades conmemorativas cada ano.

A parlamentaria lembrou que ante a desolación, impotencia e  indignación que sentía o pobo galego, o 1 de decembro do ano 2002 saíu a manifestarse polas rúas de Compostela demandando medios e sobre todo “coñecer a verdade”. Ese día, todos os galegos e galegos deron unha lección de dignidade e por iso dende o BNG   demandamos  o Día da dignidade de Galiza para recoñecer a todas as persoas que loitaron contra o chapapote do Prestige.

Para a nacionalista, a  xestión da catástrofe do Prestige, constatou a “incompetencia do goberno da Xunta e do Estado” deixando ao pobo galego  limpando a costa coas súas propias mans e sen apenas medios para enfrontarse a catástrofe ambiental e económica máis importante ocorrida en Galiza.

Ninguén podía entender como nunha costa como a nosa non existise un plano de emerxencias, é difícil comprender este grao de indefensión. Foron tantas as incompetencias, e ante iso, “o pobo galego organizouse contra a maré negra” porque faltaron barreiras e medios e sobraron “manipulacións informativas e políticas”, Soubo organizar a solidariedade activa e toda Galiza estivo á altura. A plataforma “Nunca Máis” aglutinou a todo o pobo galego e o orgullo de pertencer a un pobo que protexe e defende o seu. Fronte á ausencia do poder político o pobo galego estivo por riba dos políticos da Xunta e de Madrid. O pobo galego esixiu responsabilidades porque as había e a manifestación do 1 de outubro en Compostela reflectía esa dignidade. “A intensa choiva, non impediu que 300 mil persoas acudiran á chamada da plataforma Nunca Máis”, manifestación que logo repetiría en Madrid.

As xentes das zonas costeiras, comezando polos mariñeiros e mariscadoras, enfrontáronse cos poucos medios  que dispuñan contra a maré negra, para evitar que entrase nas rias. “Faltaron barreiras, colectores, traxes especiais para recoller o fuel. Faltou todo” e sobrou a “manipulación informativa, prepotencia e mentira”  pretendendo  eludir responsabilidades. Fronte a isto, o  pobo galego foi quen de coordinarse e cos propios medios, cos seus barcos, as súas mans, palas e capachos, sacar o chapapote.

NUNCA MÁIS, LOITA E REIVINDICACIÓN

O pobo galego, reiterou a nacionalista,  foi quen de plantarlle cara á traxedia e exercer a presión política a través da creación da plataforma “Nunca Máis”.

 “Nunca Máis” foi a chispa dun dos movementos sociais, culturais de loita e reivindicación máis importantes de Galiza. “Fronte á ausencia do poder político, o pobo galego tivo un comportamento exemplar e deu unha lección de dignidade, de autoorganización, enfrontando os efectos máis inmediatos do desastre do Prestige e a loita e reivindicación constantes durante meses para reclamarlle xustiza  aos responsábeis políticos da catástrofe”

“Sen dúbida a manifestación en Compostela do 1 de decembro reflectiu e xunguiu os sentimentos de noxo e solidariedade, de dor e loita, que enchía os corazóns da maioría dos galegos e galegas”.

O 1 de decembro do  2002 o pobo galego foi “un mar de dignidade, de paraugas, un berro unánime fronte o apagón informativo, fronte a mentira das praias esplendorosas, e os hilillos de plastilina, foi un berro contra a falta de medios”.

O pobo galego merece un recoñecemento público pola dignidade mostrada e dende o BNG  reclamamos ao Parlamento establecer  o día 1 de decembro como “Día da dignidade de Galiza”, regulando a organización de actividades conmemorativas.

O PP QUERE UN POBO GALEGO SEN MEMORIA

O Partido popular anunciou o voto en contra á  iniciativa nacionalista argumentando que a xestión da Xunta e do goberno do Estado fora correcta e as decisións  as  máis adecuadas.

A parlamentaria do BNG lamentou que unha vez máis,  o Partido popular non recoñeza a “dignidade do pobo galego”. No ano 2002, remarcou Prado, “o PP   non estivo á altura e hoxe volve a facelo”. Quere que o pobo galego non recorde pero equivocase, “nunca imos esquecer a nosa historia nin o que aconteceu coa catástrofe do Prestige”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG