O PP veta a tramitación da ILP sobre a protección do bosque autóctono

Mini
Mini

O deputado do BNG lamentou que o voto en contra do Partido popular e a abstención do PSdeG-PSOE impediran a tramitación da Iniciativa Lexislativa popular, avalada por máis de dez mil sinaturas sobre a Protección do Bosque Autóctono, defendida hoxe no Parlamento galego

Tralo debate da Iniciativa Lexislativa popular defendida hoxe pola presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza,  (ADEGA), Virxinia Rodriguez,  sobre a protección do bosque autóctono, o portavoz de Agricultura e Montes do BNG, Xosé Luís Rivas lamentou  que os votos en contra do Partido popular e a abstención do PSdeG-PSOE impediran a súa tramitación.

Para o nacionalista, o goberno do Partido popular, leva décadas con responsabilidade nas políticas agrarias que negan solucións e optando por negarse a mirar a favor da riqueza da “diversidade, sensibilidade e equilibrio”.

Rivas criticou que o PP manteña un territorio sen “usos ordenados da terra, masas forestais desordenadas sen diversidade do mosaico e desatendendo ás madeiras nobres multifuncionais para previr incendios, cultivos e aproveitamentos e fixación de poboación”.

O parlamentario do BNG, parabenizou á presidenta de ADEGA pola súa intervención e destacou a necesidade de abordar o debate sobre a protección do bosque, debate que hoxe, dixo “foi furtado neste parlamento polo PP e PSdeG”. O futuro de Galiza non pode estar hipotecado por “ENCE e o negocio da inframadeira” porque “son amos transformados en aparentes industrias produtivas que inmobilizan a potencialidade das nosas terras e as nosas xentes”, afirmou.

Xosé Luís Rivas apelou ao dereito de Galiza a aproveitar os seus recursos e tirar o maior proveito do territorio e recriminou que as  políticas acordadas no Parlamento galego na Comisión de Lumes repitan “medidas regresivas”, máis forestación sen orde,  e máis crecemento forestal de eucalipto cun único destino, “fabricar celulosa para vender a empresas foráneas sen aproveitar o valor engadido”.

O monte, a xuízo do deputado do BNG, xoga un papel crucial no nos país polo que é preciso mellorar a súa produtividade con “árbores propias, autóctonas, capaces de producir madeira e froitos de calidade, estimulando as cadeas de valor e transformando o produto en Galiza”.

Rivas reivindicou superar a  atomización da propiedade para tirar un rendemento sostible dos montes, defendelos do incendios a través das “UXFOR” unha formula, explicou, de “cooperación entre propietarios que tanto lle molestaba ao PP e  a ENCE e por iso inventaron un híbrido chamado SOFOR que en nove anos no chegan a ser nin media ducia”.

O noso monte pode producir pastos aproveitables por gando en extensivo: porcos, ovellas, cabras e  vacas, ten cabida para cultivos de arandos, cogomelos, kiwis, feixoas, oliveiras que poderían abrir  mercados de produtos en fresco ou en conservas pero para todo isto é preciso contar con persoal técnico e investigador para transformar o abandono e o monopolio da “insensatez” e  poñer en valor a grande riqueza  dos nosos montes.

“Imos votar a favor desta iniciativa popular que remove o corazón e renova o sentido común, e animamos á reflexión sobre  o dereito e o deber de aproveitar racionalmente os nosos recursos para o noso beneficiou e das futuras xeracións, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG