Parlamento Galego

O PP en contra de garantir a atención pediátrica en Fene como reclama o BNG

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado pide cubrir as dúas prazas que quedaron  vacantes no  mes de setembro e garantir a atención pediátrica dos nenos e nenas da comarca de Ferrolterra  

A parlamentaria do BNG, Montse Prado reclamou hoxe, na Comisión de Sanidade celebrada no Parlamento galego, cubrir as dúas prazas vacantes de pediatría do PAC de Fene. A deputada asegurou que polo momento, o Sergas non deu ningunha opción satisfactoria para solucionar a situación a pesar de que os país  e nais usuarios/as do PAC enviaran numerosas queixas ao Sergas, por vía ordinaria. Pola súa parte, o Sergas  suxeriu  que as crianzas de 0 a 3 acudan  ás urxencias do CHUF, Arquitecto Marcide , e os de máis idade a calquera dos médicos de familia do centro de saúde que lles corresponda: Fene, Maniños ou A Capela. “A xerencia do Sergas de Ferrol foi máis aló e prega por escrito paciencia e comprensión porque non hai pediatras dispoñibles”, afirmou a deputada nacionalista.

Tras a intervención do portavoz popular, Aurelio Núñez Centeno que negou as afirmacións da deputada do BNG, Prado replicou que “en Fene non hai pediatras” e que tres mil nenos e nenas  da comarca de Ferrolterra “non teñen atención pediátrica”. Entre Fene, Mugardos e a Capela hai 2.535 nenos e nenas nesta situación e en  San Sadurniño, As Somozas, Moeche e Cerdido, son 444, polo tanto,  “3.000 nenos e nenas ás que vostedes están prestando unha asistencia sanitaria carente de calidade”, denunciou.

A parlamentaria criticou a terminoloxía utilizada polo Partido popular tentando negar os recortes baixo a nova denominación de “minguas existencias” pero en realidade, dixo Prado, si non hai pediatras é porque o Partido popular “quere” como reflicten  os plans de Recursos Humanos de hai dez anos cun “importante déficit de profesionais” e as advertencias neste propio parlamento para que tomaran medidas ante o alto número de xubilacións e  falta de relevo.

Prado tamén se referiu ás Asociacións de pediatría e as reclamacións para que o Partido popular actuara ante a falta de pediatras. Sen embargo,  o PP continuou coa “súa folla de ruta para eliminar a atención de pediatría da Atención primaria”.

A deputada do BNG propuxo “unha contratación de calidade” e non unha oferta de contratos de tres ou seis meses aos pediatras porque esa temporalidade, dixo,  ten consecuencias entre elas, que 68 profesionais xa solicitaran  o certificado de idoneidade co fin de atopar traballo fóra de Galiza.

Tras gabar a alta  capacidade e calidade dos médicos de familia, asegurou que “non son pediatras” e os nenos “non son adultos en pequeniño” e  volveu a instar ao Partido popular  a garantir a atención pediátrica no concello de Fene en “condicións de suficiencia e calidade, cubrindo as ausencias, vacacións ou baixas d@s pediatras e cubrir, de inmediato, as dúas ausencias de pediatría.”

A iniciativa do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG