O PP en contra da liña de transporte público entre o Val Miñor e o Campus Universitario de Vigo

Comisión Luís Bará
Comisión Luís Bará
  • Luís Bará defendeu esta iniciativa do BNG na comisión de ordenación territorial do Parlamento Galego

O BNG reclamou hoxe no Parlamento, a través dunha proposición non de lei defendida polo deputado nacionalista, Luís Bará, implantar un servizo de transporte regular entre o Val Miñor e o Campus Universitario de Vigo, inserido no Transporte Metropolitano da Xunta de Galiza. O grupo maioritario do Partido popular impediu que a proposta do BNG prosperara na comisión de Ordenación Territorial.

Na súa intervención, Bará considerou que a propia Universidade de Vigo en colaboración co resto das administración debe liderar a solución ao problema do transporte e que este debería ser xa implantado no curso 2017-2018. O deputado indicou que esta é “unha demanda unánime” da comunidade educativa, da Federación de AMPAS e máis de catro centos alumnos e alumnas prexudicados pola ausencia de transporte.

Pola súa parte, a portavoz popular, Ana María García Míguez coincidiu co deputado nacionalista en que a petición do transporte é “unha reclamación histórica” da comunidade universitaria do Val Miñor e de 408 alumnos e alumnas distribuídos entre os concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar. A Xunta, dixo,  xa está a traballar nun plan que se axuste ás necesidades da veciñanza e sería máis doado negociar un acordo se o alcalde de Vigo mantivera outra postura sobre o transporte metropolitano.

Bará replicou á portavoz popular que nese campus, ademais do alumnado, o profesorado e persoal non docente vese obrigado a utilizar o transporte privado polo que reiterou a necesidade de implantar o servizo de transporte, unha demanda, afirmou, trasladada ao Pleno da Mancomunidade do Val Miñor onde foi apoiada por unanimidade.

O deputado acusou á Xunta de “facer as cousas mal” e amosou a súa desconfianza  nos  plans anunciados pola portavoz popular. Ademais,  criticou que García Míguez aludira á Área Metropolitana de Vigo, cuestión que,  a xuízo do nacionalista,  non está  relacionada coa proposta do BNG.

Finalmente, o parlamentario reiterou que a solución pasa pola implicación dos concellos,  Universidade, Goberno galego e Mancomunidade polo que pediu á Xunta  “un compromiso” para elaborar  un estudo na procura dunha rápida solución.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG