O PP apoia no Congreso o Cupo vasco, pero Feijóo veta este sistema de financiamento para Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón esixe que a Xunta "deixe de estar ausente” e remita ao Parlamento a súa proposta de financiamento para o país

O BNG demanda para Galiza un novo modelo de financiamento e propón un concerto económico similar ao que ten o País Vasco, cuxa actualización do seu sistema de cupo para o quinquenio 2017-2020 conta co apoio e os votos favorables do PP no Congreso. Por contra,  Feijóo e o PP vetan que Galiza poda ter un modelo similar que acabaría coa discriminación financeira que soporta este  país, que lle fai perder uns 3.500 millóns de euros anuais.

“O PP apoia en Madrid o cupo vasco, pero ese mesmo PP impide un cupo galego, unha nova evidencia da posición de subordinación de Feijóo incapaz de reclamar para Galiza o mesmo que o seu partido apoia cando se trata de Euskadi”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón.

O Bloque considera inaudito que en plena negociación de cara un novo modelo de financiamento territorial, “a Xunta sega desaparecida” e non teña presentado no Parlamento documentación algunha da súa proposta ante este debate, nin sequera trasladou as alegacións ao informe dos expertos entregado o pasado mes de xullo. Por contra, gobernos doutros territorios están a ter unha posición activa de defensa dos seus intereses reclamando un sistema de financiamento acorde ás súas necesidades.

A proposta do BNG pasa por dotar Galiza dun concerto económico que outorgue ao Goberno galego plenas competencias en materia fiscal e financeira, incluíndo unha facenda e unha banca galegas.

“Queremos que a chave dos nosos recursos estea en mans dos e das galegas, e non de Montoro”, recalcou Pontón, “a xestión íntegra de todos os ingresos para decidir as prioridades de gasto e de investimento en función do que lle conveña a Galiza e non ao Goberno central de turno”. Recadar e administrar o 100% dos recursos, e despois “facer contas co Estado” para aportar a parte que corresponda en materia de servizos comúns e solidariedade.

A formación nacionalista reclama da Xunta que remita canto antes ao Parlamento a súa proposta de cara a conseguir un novo modelo de financiamento para Galiza, que evite a perda de 3.500 millóns de euros anuais e a fuga de 15.000 millóns de euros do aforro galego, así como unha fiscalidade xusta na que pague máis, quen máis ten.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG