Posicionamento do BNG a respecto dos ventres de alugueiro (“xestación subrogada”)

pregnant-woman

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a práctica dos ventres de alugueiro como unha explotación máis do corpo das mulleres máis empobrecidas e vulnerábeis, polo que esixe a súa erradicación e se opón firmemente á súa legalización, regulamentación e banalización

Nos últimos meses, asistimos a unha mediatización intensiva do tema da mal denominada “xestación subrogada”, cunha inminente proposta de iniciativa lexislativa popular (ILP) [1], impulsada por asociacións detrás das cales hai intereses económicos claros (clínicas privadas, bufetes de avogados...) [2], co apoio explícito de Ciudadanos [3] entre outros, así como varias mocións presentadas en concellos da Galiza e do resto do Estado [4]. Ante a posibilidade da legalización e lexislación da denominada xestación subrogada, e polas implicacións que iso tería para as mulleres, o Bloque Nacionalista Galego manifesta a súa postura ao respecto a través do presente documento.

En primeiro lugar, o BNG rexeita a terminoloxía “xestación subrogada”, “maternidade subrogada”, “xestación por substitución” ou “subrogación”, así como a consideración desta práctica como unha técnica máis de reprodución asistida. Con estes eufemismos preténdese banalizar e medicalizar dun xeito aséptico o que é en realidade unha práctica que ten como piar básico a explotación con fins económicos do corpo das mulleres, nomeadamente das mulleres máis pobres. Preferimos falar sempre da realidade que esta práctica supón baixo a denominación “ventres de alugueiro”, un termo que visibiliza o feito de estas mulleres seren utilizadas como incubadoras e do que se desprende claramente a desigualdade na relación contractual que se pretende: unha persoa ou unha parella con capacidade adquisitiva recibe, a cambio dun prezo, compensación económica ou resarcimento económico, unha crianza xestada no ventre doutra muller dunha posición económica inferior.

O BNG entende que non é unha necesidade vital ter descendencia biolóxica, polo que a maternidade non se pode considerar un dereito como tal. Ante a premisa patriarcal, cómpre insistir en que unha muller non é menos muller por non ser nai biolóxica. 

Estimamos, do mesmo xeito, que a paternidade biolóxica tampouco é un dereito. Así, ante a presión que veñen exercendo determinados grupos LGBTI [5] a favor da legalización dos ventres de alugueiro argumentando un suposto dereito á paternidade igualitaria, cómpre resaltar que o Grupo de Traballo LGBTI do BNG apoia incondicionalmente esta proposta, elaborada polo Grupo de Traballo de Acción Feminista, entendendo que unha proposta contraria á legalización baseada nun rexeitamento da mercantilización do corpo das mulleres non entra en contradición co compromiso do BNG coa loita contra a discriminación por razón de xénero ou orientación sexual (homofobia, lesbofobia, bifobia e transfobia) e coa loita do colectivo LGBTI para conquistar os seus plenos dereitos.

Tamén cabe subliñar que existe a adopción como alternativa para quen non pode ter descendencia biolóxica; non só a posibilidade de adoptar unicamente bebés, mais tamén rapazas e rapaces máis grandes que a miúdo corren o risco de se tornaren inadoptábeis. O dereito dunha crianza a crecer nunha familia, sexa cal for a súa forma, si é un dereito recoñecido como tal na Convención Internacional sobre os Dereitos da Crianza de 1989 [6]. 

Sabedor da existencia de casos específicos e moi minoritarios que caen fóra da rede do negocio que se tece ao redor do alugueiro dos ventres naqueles países onde xa existe unha lexislación que o permite (os casos de xestación “altruísta” para outras/os por parte de familiares o amigas), o BNG entende que a casuística individual minoritaria non pode servir de pretexto para deixar a porta aberta á banalización e sistematización desta práctica a través dunha lexislación que a ampare aos ollos da sociedade, tal como recolle o Informe sobre los aspectos éticos y jurídicos de la maternidad subrogada (IAEJMS) emitido recentemente polo Comité de Bioética de España [7].

Para alén diso, recorrer ao altruísmo como argumentación a favor da legalización desta práctica non fai senón reforzar a definición patriarcal das mulleres como seres esencialmente xenerosos, que viven para servir e satisfacer os desexos doutras persoas. Porén, resulta evidente que este suposto altruísmo dunhas poucas mulleres só se utiliza para agochar o verdadeiro propósito da pretendida legalización desta práctica: a explotación comercial dos corpos das mulleres pobres e a compra-venda de crianzas.

O Parlamento Europeo advertiu desta nova forma de explotación das mulleres en 2015 no seu Informe anual sobre os dereitos humanos e a democracia no mundo (2014) e a política da Unión Europea ao respecto (2015/2229(INI)) [8], condenando literalmente “a práctica da xestación por substitución, que é contraria á dignidade humana da muller, xa que o seu corpo e as súas funcións reprodutivas empréganse como unha materia prima”. O Informe “estima que debe prohibirse esta práctica que implica a explotación das funcións reprodutivas e a utilización do corpo con fins financeiros ou doutro tipo, en particular no caso das mulleres vulnerábeis nos países en desenvolvemento, e pide que se examine con carácter de urxencia no marco dos instrumentos de dereitos humanos”.

En 2016 o Parlamento Europeo, na súa Resolución de 5 de xullo sobre a loita contra a trata de seres humanos nas relacións exteriores da Unión [9] condena “a trata de seres humanos para a maternidade subrogada forzosa na medida en que constitúe unha violación da muller e dos menores;” e sinala que “a demanda vese impulsada polos países desenvolvidos a expensas de persoas pobres e vulnerábeis procedentes, a miúdo, de países en desenvolvemento”.

O debate mediático xira ao redor do desexo de ser nai ou pai biolóxico e as garantías legais para quen “contrata” este servizo, mentres que a muller cuxo corpo se aluga pasa a ser un simple receptáculo xestante, un mero obxecto con valor comercial, despoxado da súa dignidade humana. Resulta esencial indagar nas consecuencias que ten a realización destes desexos para estas mulleres, quen son e por que aceptan pór en risco a súa saúde e mesmo a súa propia vida para xestar unha criatura en beneficio doutras persoas.

Non se debe confundir o dereito das mulleres a disporen libremente do seu corpo (aborto libre e gratuíto, sexualidade...) coa mercantilización deste, onde aquelas que precisan de diñeiro fican reducidas á súa función reprodutora, aparellos incubadores sen nome e sen rostro que pasan a denominarse “xestantes”. A historia das “mulleres xestantes” simplemente non existe. 

Esta práctica négalles ás mulleres xestantes o dereito a decidir durante o proceso de embarazo, así como a posterior toma de decisións respecto á crianza, coidado e educación do bebé, ao tempo que existen medidas punitivas contra as mulleres xestantes que se atrevan a alterar as condicións do contrato de alugueiro de ventres, podendo serlles esixida unha indemnización por falta de dilixencia (como no caso do bebé en coma, xestado en Ucraína, cuxos pais intencionais estudaban se fora ocasionado por un “embarazo irresponsábel”).

Os contratos asinados privan as “mulleres xestantes” do dereito a disporen libremente do seu corpo. Os contratos poden chegar a regular todos os detalles da vida da muller xestante: o que pode ou non pode comer, os produtos cosméticos que pode utilizar ou a súa actividade sexual durante o embarazo; mesmo pódeselle impor por contrato un parto por cesárea, para evitar sufrimento fetal ou infeccións adquiridas durante o parto. De xeito aínda máis grave, xa se deu un caso nos EUA dunha muller xestante que tivo que fuxir cando a parte contratante a quixo obrigar a abortar un feto con malformacións a cambio de $10.000 dólares [10]; ou o caso doutra muller tailandesa de 21 anos que ficou a cargo do bebé cando foi abandonado por unha parella australiana por ter síndrome de Down [11].

Exemplos como estes últimos, e moitos outros, poñen de manifesto que a práctica do alugueiro de ventres atenta igualmente contra a dignidade das crianzas, que pasan a ser tamén obxecto de contrato mercantil, sendo así que a parte contratante pode mesmo escoller por catálogo as características xenéticas da súa futura criatura.

Estamos perante unha nova forma de dominación e de violencia contra as mulleres ao expolas ao tráfico reprodutivo, cousificando o seu corpo. Existen estudos sobre a violencia obstétrica que supón a obstaculización do apego precoz da criatura coa súa nai, sen causa médica xustificada, negándolle a posibilidade de cargala ou aleitala ao nacer, alén da afectación ao bebé non nato de como a xestante vive psicoloxicamente o embarazo, o que suporía secuelas psíquicas e/ou dificultades para os vencellos afectivos o resto da súa vida.

Non se debe caer na trampa de considerar o alugueiro de ventres unha manifestación de as mulleres disporen libremente dos seus corpos, xa que o incentivo é –se ben non en todos os casos, si maioritariamente– económico. Así, a explotación que supón a práctica dos ventres de alugueiro afecta sobre todo as mulleres máis empobrecidas [12] que, ademais, reciben tan só o 10% do lucro que xera a industria dos ventres de alugueiro en países como Rusia ou Ucraína, ficando a maior parte en mans de intermediarios (clínicas, avogad@s...) [13]. Nada indica que a súa legalización no Estado español serviría para paliar esta situación enraizada no funcionamento normal do neoliberalismo. Non é de sorprender que destacados persoeiros da política máis conservadora que denegan o dereito ao aborto ao mesmo tempo avoguen pola legalización dos ventres de alugueiro en nome do liberalismo capitalista que pula pola comercialización de todos os recursos tanto naturais como humanos sen importarlles as consecuencias [14].

Así, cómpre fuxir do falso debate legalista e da imposición da política dos feitos consumados, nomeadamente regularizar a situación daquelas persoas que xa cometeron o delito. Neste sentido denunciamos a hipocrisía do Estado español que, mediante a Instrución de 5 de outubro de 2010 da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado, e a pesar de que os contratos polos que se conveña a xestación por substitución son nulos de pleno dereito segundo a lei española (artigo 10.1 da Lei 14/2006), permite a inscrición do nacemento nos Rexistros Civís consulares de menores nados no estranxeiro de mulleres xestantes que renunciaron á filiación materna a favor do pai intencional que dotou xeneticamente cos seus espermatozoides, recoñecéndoselle así o carácter de pai biolóxico ao abeiro do artigo 10.3 da mesma Lei. Seguindo as recomendacións do Parlamento Europeo e as últimas sentenzas do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, así como do recente informe do Comité de Bioética español, consideramos que a lexislación debe ser disuasoria, tendente a impedir a práctica do alugueiro de ventres.

Debemos situar o debate claramente no terreo ideolóxico e ético de rexeitar a cousificación e a mercantilización do corpos das mulleres, polo que o BNG entende que baixo ningún pretexto se pode aceptar a legalización e regulamentación do alugueiro de ventres.

Non nos debemos deixar enganar polos termos empregados, eufemismos tecnicistas que pretenden agochar a realidade: unha situación de desigualdade estrutural que provoca que as mulleres “aluguen” o seu corpo poñendo en risco a súa saúde en beneficio de quen pode pagar, unha nova forma de violencia e trata de persoas, mercantilizando o que non debe ser obxecto de comercio: a vida. Non se pode pretender que se trata dun acto supostamente altruísta cando existe un intercambio de diñeiro por un servizo prestado, pois, por moito que se chame “compensación económica resarcitoria”, en realidade non é outra cousa que un pagamento que entra dentro da lóxica capitalista, sabendo, ademais, que existen defensores dos ventres de alugueiro plenamente comercializados [15].

Como organización que se define nos seus principios como antiimperialista [16], desde o seu compromiso internacionalista, combate todas as formas de opresión e explotación das mulleres, non só na Galiza, mais tamén en solidariedade coas mulleres de todo o mundo, neste caso de Ucraína (pola súa proximidade xeográfica e a súa permisividade legal) e, sobre todo, da India que conta con auténticas granxas de bebés [17] para parellas do mundo occidental, unha nova faceta da espoliación neocolonial cun volume de negocios cifrado en máis de 400 millóns de dólares ao ano [18]. A súa legalización por parte do Estado español non servirá para paliar esta situación, máis ben agudizaría unha situación de oferta e demanda baseada na competitividade do libre mercado, escravizando na mesma situación mulleres galegas ademais das xa explotadas na India, na Ucraína ou noutros países en desenvolvemento.

Por todas estas razóns, o Bloque Nacionalista Galego denuncia a práctica dos ventres de alugueiro como unha explotación máis do corpo das mulleres máis empobrecidas e vulnerábeis, polo que esixe a súa erradicación e se opón firmemente á súa legalización, regulamentación e banalización.

-----------

  1. Véxase: Proposición de lei de xestación subrogada.
  2. Por exemplo, a Asociación por la Gestación Subrogada de España (AGSE) cuxos promotores e colaboradores se poden consultar no seu sitio (aquí).
  3. Véxase o artigo Ciudadanos apuesta por una ley que regule la gestación subrogada publicado en El País (06/02/2017).
  4. Véxase: Mociones aprobadas por los Ayuntamientos.
  5. Por exemplo, Asociación DeFrente LGTB Sevilla que colabora coa AGSE, La maternidad subrogada para familias gays no sitio Shangay.com ou Sin Cigüeña.
  6. Convención internacional sobre os dereitos da crianza, 1989.
  7. Una razón para sustentar la prohibición podría estar en la incapacidad del Derecho para impedir la gestación comercial una vez ha aceptado la altruista. La experiencia actual nos dice que la gestación altruista viene acompañada de la comercial: bien porque se acaba aceptando en el propio país donde se aceptó la altruista o bien porque quienes no pueden atender su deseo en su país mediante la gestación altruista, tenderán a servirse de la gestación comercial en el extranjero.” (IAEJMS, p. 25). O Informe completo está dispoñíbel en liña (aquí) xunto cunha nota de prensa que resume os argumentos (aquí).
  8. Relatório Anual sobre os Direitos Humanos e a Democracia no Mundo (2014) e a política da União nesta matéria (2015/2229(INI)).
  9. Lutte contre la traite des êtres humains dans les relations extérieures de l'Union (2015/2340(INI).
  10. Véxase, por exemplo: US surrogate mother Crystal Kelley flees after baby's parents order her to abort foetus publicado en The Telegraph (05/03/2013).
  11. Véxase: Surrogate Mother Cares for Baby Abandoned Because of Down Syndrome publicado polo Center for Genetics and Society (08/04/2014).
  12. Véxase, por exemplo: Women in Poverty Turning to Surrogacy.
  13. Segundo o artigo El debate de la maternidad subrogada divide a PP y PSOE publicado en El Mundo (29/01/2017). Neste particular, resulta indicativo que sexa imposíbel atopar cifras fidedignas ou oficiais a respecto das “mulleres xestantes” nestes países.
  14. Caso, por exemplo de Esperanza Aguirre: “El aborto no es un derecho; es el fracaso de la mujer” vs. “Yo no estoy en contra en absoluto, sé que es muy polémico, pero estoy a favor. He visto cómo se han solucionado los problemas de muchísima gente que lo ha pasado muy mal
  15. Véxase, por exemplo o artigo de Juán Ramón Rallo En defensa de los vientres de alquiler comerciales, onde se pode ler: “Frenar este sano proceso empresarial sería condenar a esta actividad al amateurismo y a la infraprovisión”.
  16. Principios do BNG.
  17. Véxase, por exemplo: Le business effrayant des mères porteuses en Inde publicado por Terrafemina (04/04/2016).
  18. Fonte: Predicament of Commercial Surrogacy in India, publicado por World Pulse (14/05/2015).  
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG