Posición do BNG ante o xuízo no Tribunal Supremo contra as e os presos políticos cataláns

Xuízo TS (Foto @esquerra_ERC)
Xuízo TS (Foto @esquerra_ERC)

Ante o xuízo que ven de comezar no Tribunal Supremo contra as e os presos políticos cataláns, o Bloque Nacionalista Galego quere manifestar:

  1. O noso total apoio e solidariedade con todas estas persoas inxustamente privadas de liberdade desde hai máis dun ano e que, a partir de hoxe, serán xulgadas por delitos que poderían implicar penas de prisión de até 25 anos.
  2. Para o Bloque Nacionalista Galego todas elas son pres@s polític@s. “Polític@s pres@s” son os políticos que se atopan privados de liberdade despois de roubar das arcas públicas ou se aproveitar dos seus cargos para beneficio propio. Estas persoas non roubaron, non mataron. O seu único delito é defender por vías pacíficas e democráticas o dereito inalienábel do pobo catalán a poder decidir o seu futuro. Para elo cumpriron co seu programa electoral e co mandato do mesmo poñendo urnas para que o pobo catalán se expresase como o fai un pobo en democracia: votando.
  3. Para o BNG, este é un xuízo político e a enésima demostración do proceso de profunda involución democrática que se está a vivir no estado español. Estamos convencid@s de que estas persoas non van ter acceso a un xuízo xusto e que a sentenza leva tempo escrita. Unha situación deste tipo non lle pode resultar indiferente a ninguén. Ningunha persoa demócrata pode permanecer de perfil ou equidistante ante unha situación tan grave.
  4. Reiterámonos na nosa posición, pública e coñecida. Este conflito só ten unha saída: que o pobo poida expresarse en liberdade e con plenos dereitos democráticos. O Estado español debe recoñecer a vontade maioritaria do pobo catalán de poder decidir libremente o seu futuro e garantir o seu dereito a poder expresarse con plenas garantías sobre o tipo de relación que quere manter ou non co Estado español. O mesmo no caso galego e vasco. Mentres non se recoñezan os dereitos das nacións que hoxe facemos parte do Estado español a poder decidir e exercer, no seu caso, o dereito de autodeterminación, o problema político de fondo, lonxe de resolverse, agravarase.
  5. Desde o Bloque Nacionalista Galego seguiremos a traballar de cara a sumar voces, propostas e opinións en favor do diálogo e con vocación dunha resolución pacífica e democrática do conflito político aberto, e sempre desde o recoñecemento do dereito a decidir e da plena capacidade para exercer na práctica ese dereito do conxunto de nacións que compoñen o Estado.
  6. O Bloque Nacionalista Galego chama a participar nas mobilizacións sociais convocadas pola Plataforma Galiza con Catalunya para amosar o rexeitamento a este xuízo. A primeira delas terá lugar o vindeiro xoves 21 de febreiro en diferentes cidades galegas.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG