Galegas 2016

Pontón: “Reclamamos a xestión dos impostos e do aforro do país para crear emprego e blindar os servizos públicos”

Acto público de Lugo
Acto público de Lugo
  • Apela ás persoa indecisas ás que insta “a facer algo tan revolucionario como confiar nas nosas propias forzas” o 25S
  • Ironiza sobre a negativa de Feijóo a volver debater e di que que a loita contra a corrupción do PP é tamén en B “de Bárcenas, Bárbera, Baltar”
  • “O BNG está a disputar un escano ao PP en todas as provincias, e aí está a chave da perda da maioría absoluta de Feijóo”, explica a candidata

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, salientou no mitin de Lugo que as prioridades do BNG son a creación de emprego e blindar os servizos públicos e o benestar social, “en definitiva, empezar a construír unha Galiza na que as persoas podan vivir e traballar con dignidade, dándolle a volta a Galiza máis desigual e máis pobre que nos deixan oito anos de desgoberno Feijóo”.

Pero para iso, dixo, non chega cun cambio de caras, hai que ter as ferramentas políticas que permitan “decidir desde aquí sobre os nosos propios recursos”.

Por iso, o BNG propón a xestión e control da totalidade dos impostos e do aforro galego a través dunha facenda e dunha banca públicas: “queremos ter, os galegos e as galegas, a chave dos nosos cartos, non Montoro, para decidir desde aquí, con capacidade real, as nosas prioridades de gasto. Sen iso, as proclamas a favor do emprego e dos servizos públicos son pouco máis que slogans”.

Unhas prioridades, dixo, “que pasarían do rescate de bancos ao apoio aos sectores produtivos, que pasaría de ser executar as ordenes de Madrid e Bruxelas para financiar os servizos públicos, que pasaría de ser o cumprimento do déficit a duplicar o investimento en I+D+i”.

Por iso, o BNG é clave para que Feijóo perda a maioría absoluta e deixar atrás oito anos de políticas de dereita que deixan unha Galiza de paro, emigración, salarios que non permiten chegar a fin de mes, e recortes nos servizos públicos e no benestar social, alegou en Lugo onde compartiu mitin coa cabeza de lista, Olalla Rodil.

Representación potente

“Acabar coa maioría absoluta de Feijóo só é posible cunha potente representación do BNG que, neste momento, lle disputa ao PP un escano en cada unha catro provincias do país. E non teño ningunha dúbida de que eses escanos van caer do noso lado, por iso o candidato popular xa nen quere volver a dar a cara e confrontar co BNG, confrontar comigo como candidata en ningún outro debate”, salientou Pontón.

Fuxir dos debates

“Feijóo dixo que non a un debate co BNG na Sexta, dixo que non a un debate co BNG na Cadena Ser, e agora di que non a un debate co BNG en TVE”, criticou a candidata, quen interpreta esta “fuxida” do candidato do PP “como o recoñecemento de que somos a chave para a súa derrota”.

Aforo de Lugo completamente desbordado.Pontón instou á traballar para convencer ás persoas que están indecisas de cara ao 25S, explicando o proxecto de país, solvente e con experiencia “que xa ten demostrado nos concellos que é capaz de mellorar a vida das persoas”. “Somos garantía de que haberá un goberno alternativo a Feijóo, algo que non poden dicir outras forzas políticas que, cando o PP estaba derrotado, decidiron darlle unha segunda vida a Rajoy”.

E iso que o PP, lembro Pontón, “é o partido da corrupción estrutural” que está a protagonizar outro momento estelar a costa da negativa de ex-alcaldesa de Valencia a dimitir como senadora. “Teño que dicirlle a Feijóo que a loita contra a corrupción no seu partido tamén se escribe en B, B de Bárcenas, B de Barberá e B de Baltar”.

A rebeldía de confiar no país

Pontón instou a militancia e simpatizantes a seguir cunha campaña “porta a porta” e a “chamar no corazón da xente” para decantar o voto dos e das indecisas. “Somos a candidatura de todas as persoas que confían no país e nada hai máis revolucionario que confiar en nós mesmas e ter a rebeldía de coller as rendas do noso futuro facendo oídos xordos aos que pensan que Galiza non pode”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG