Ana Pontón: “Queda moito traballo por facer para acabar con todo o residuo tóxico do Franquismo que contamina a democracia”

Ana Pontón
Ana Pontón
Destaca como exemplos os casos dos 19 de Meirás, Nestor Rego entre eles, ou as cinco persoas pendentes de xuízo polo simple feito de reclamar o patrimonio espoliado en Galiza

O BNG considera de xustiza a exhumación de Franco, pero destaca a anomalía que supón 40 anos de espera para poñer fin a unha situación impropia dunha democracia avanzada.

“É unha boa nova que chega con 40 anos de atraso e non deixa de causar certo bochorno que as forzas estatais tardaran catro décadas en retirar a un ditador fascista dun lugar de culto a súa figura, era un agravio ás vítimas e á democracia”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, en comparecencia ante os medios nun acto na Coruña.

En todo caso, a líder nacionalista subliñou que queda moito por facer para erradicar os privilexios e os residuos franquistas.

“Desde o BNG entendemos que este non é o punto final, senón o punto de inicio porque tamén hai que exhumar os restos do franquismo, eses  residuos tóxico que contamina a nosa democracia, residuos que aparecen en demasiados espazos porque o vemos nas elites económicas, en certos sectores da xustiza, vémolo no feito de que sigue existindo a Fundación Francisco Franco ou na impunidade dos crimes da ditadura”, indicou.

Neste sentido, Pontón puxo como exemplos deses privilexios a anomalía que supón ver como os herdeiros do ditador son capaces de levar a xuízo e pedir centos de anos de cadea para persoas que se limitaron a pedir a devolución dos bens roubados, con actos reivindicativos simbólicos e pacíficos, como o protagonizado polos 19 de Meiras, colectivo do que forma parte o propio candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego.

“Hoxe quero lembrar que hai en Galiza persoas que están sendo xulgadas por reclamar cuestións tan básicas como a devolución ao pobo galego do patrimonio espoliado, como os 19 de Meirás, pendente de sentenza por unha toma simbólica do pazo esixindo a súa devolución, -que permitiu darlle visibilidade pública, mediática e social a esta demanda- como é o caso de Nestor Rego, ou veremos en breve como se leva a xuízo a cinco persoas por facer a mesma reclamación para a Casa Cornide, para a acabar co disparate de que sigan en mans dos herdeiros do ditador”, argumentou a portavoz nacionalista.

Pontón tamén quixo destacar que Galiza conta coa súa propia axenda para a recuperación da memoria histórica.

Axenda galega da memoria histórica

“Non esquecemos que para exhumar o franquismo en Galiza hai que empezar pola devolución do Pazo de Meirás e da Casa de Cornide, entre outros bens espoliados, tamén imos esixir que se anulen todos os xuízos sumarísimos, porque aí temos a figuras como Alexandre Bóveda, que sigue cunha condena sen que se teña reparado a súa memoria”.

Finalmente, a líder do Bloque fixo un recoñecemento “á longa tradición” en defensa das políticas de recuperación da memoria histórica, “e queremos recordar e recoñecer o traballo feito durante décadas por entidades e organizacións, incluído o propio BNG, para denunciar esa lousa de silencio que se quixo impoñer tras a Transición. Queda moito traballo por facer, por iso hoxe non acaba nada senón que hai que seguir adiante coa axenda galega de recuperación de memoria histórica”, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG