Parlamento Galego

O Parlamento ten que investigar se hai delito no “secuestro” da lei a favor d@s estafa@s polas preferentes

BNG REUNION PREFERENTISTAS2
Reunión do BNG coas persoas estafadas polas preferentes
  • Ana Pontón lembra que Santalices estaba na Mesa que deixou o texto nun caixón 32 meses: “A prioridade do presidente non é pasear en coche oficial senón velar pola función lexislativa da Cámara”
  • Reunión con representantes das plataformas de afectados para esixir a devolución dos 100M€ pendentes de reintegrar a 10.000 aforradores

O BNG rexistrou un escrito dirixido á Mesa do Parlamento para que investigue por vía de urxencia a tramitación da lei a favor da devolución dos aforros estafados pola banca a través das preferentes e subordinadas, en concreto sobre o feito de que esta lei tardase 32 meses en ser remitida ao Congreso. É a primeira medida antes de estudar outras tipo de actuacións legais.

“Este secuestro é antidemocrático,  ilegal e mesmo podería ser constitutivo dun delito de prevaricación”, advertiu a portavoz nacional, Ana Pontón, quen recordou que non hai precedentes xa que as leis aprobadas para o seu debate en Madrid son remitidas no prazo medio dun mes.

“A lei a favor da transferencia da AP9 foi notificada ao Congreso o mesmo día da súa aprobación no Parlamento galego, mais esta lei para acabar coa estafa das preferentes tardou 900 días en ser enviada”, explicou Pontón, desde o 11 de marzo do 2014 que recibiu luz verde ata o 14 de novembro de 2016.

Pontón pide á Mesa “que actúe con rigor e que non volva incorrer en parcialidade” porque, lembrou, “o actual presidente da Cámara era vicepresidente da Mesa que mantivo secuestrado o texto 30 meses”. “É unha deixación de funcións e unha degradación do Parlamento, porque ser presidente da Cámara non significa organizar actos e pasearse no coche oficial, a súa principal responsabilidade é velar pola función lexislativa”, alegou.

A dirixente do Bloque avanzou esta petición de investigación tras o encontro celebrado cos representantes das plataformas de afectados polas preferentes de todo o país, cos que analizou o veto do Congreso ao debate da lei “secuestrada” asumindo a petición do Goberno de Rajoy “coa complicidade” da deputada por Pontevedra Ana Pastor.

“Un veto vergoñento, o segundo en apenas tres meses a unha lei galega”, criticou Pontón, nova mostra da “irrelevancia política” de Feijóo, “nada sorprendente despois de ver como o PP mide o peso político do presidente da Xunta polo número de selfies que se fixo en Madrid cos militantes do seu partido”, ironizou.

O BNG compartiu cos representantes das plataformas a demanda de que se reintegre a totalidade dos aforros estafados, porque a día de hoxe aínda quedan en Galiza arredor de 10.000 afectados sen cobrar por un importe de 100 millóns de euros, como explicou Xesús Domínguez da Plataforma de Afectados de Compostela.

Dupla estafa

“Son persoas maiores, moitos no rural e sen recursos que perderon 10.000 ou 15.000 euros, os aforros de toda unha vida, e para os que é moi difícil enfrontar un proceso de reclamación xudicial”, indicou ao tempo que replicaba ao presidente da Xunta que o dramático non era que os ex directivos das caixas ingresasen na cadea por cobrar indemnización ilegais, “senón que miles de persoas maiores se estivesen mollando na rúa ante as oficinas bancarias durante anos para recuperar os seus cartos”.

Pontón salientou que a lei aprobada no Parlamento e secuestrada deliberadamente polo PP, “tería sido unha solución para os e as estafadas en Galiza e no resto do Estado”, algo que non interesaba ao Goberno central como demostra o informe elaborado para vetar o debate da lei galega no que o Ministerio de Economía se felicita pola quita aplicada aos aforradores que permitiu ao FROB aforrar 13.640 M€.

“Dúas veces estafados, pola banca e polo Goberno de Rajoy”, concluíu Pontón, “por iso non considero casual o secuestro desta lei”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG