Parlamento Europeo

O Parlamento Europeo admite a denuncia presentada por BNG e Enfermeiras Eventuais en Loita contra a precariedade laboral

MIranda enfermeiras en loita
MIranda enfermeiras en loita
Ana Miranda considera que a apertura dunha investigación europea é “un tirón de orellas a Feijóo”

A Comisión de Peticións vén de confirmar a admisión a trámite da denuncia presentada polo BNG e o colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita sobre a precariedade laboral existente na profesión de enfermería, consecuencia das prácticas abusivas e a contratación en fraude de lei que leva realizando o Goberno galego durante anos. A denuncia, que recolle abundante documentación da situación, foi entregada á vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka, durante unha xornada de traballo organizada por Ana Miranda o pasado mes de decembro.

“A investigación preliminar que levará a cabo a Comisión Europea sobre a precariedade na profesión de enfermería supón un tirón de orellas a Feijóo sobro modelo de xestión do SERGAS”, salienta a portavoz do BNG en Europa. Miranda explica que é grazas á visita do colectivo Enfermeiras en Loita e o apoio da Vicepresidenta da Comisión de Peticións que a denuncia é admitida, “porque é demasiado escandaloso o grado de precariedade que existe no sistema sanitario galego e non podían negarse”.

Neste mesmo sentido exprésanse dende as Enfermeiras Eventuais en Loita, quen sinalan que “aínda que pendente dos resultados da investigación preliminar, que a Comisión de Peticións vaia facer unha investigación sobre a precariedade na nosa profesoón non deixa de ser un xerro de auga fría sobre a xestión de recursos humanos do SERGAS”.

“Desde o noso colectivo celebramos a noticia como un paso adiante, esperando que chegue a bo termo e o Servizo Galego de Saúde finalmente tome medidas que deriven nunha contratación máis estable e de maior calidade”, salientan desde as Enfermeiras Eventuais en Loita.

Traslado á Comisión de Emprego

A importancia dada polo Parlamento Europeo á denuncia sobre a precariedade laboral na enfermería queda patente tamén polo feito de que a propia Comisión de Peticións trasladou a documentación á Comisión de Emprego e Asuntos Sociais da Eurocámara, considerándoa de interese para a mesma.

Na comunicación emitida pola Comisión de Peticións, esta fai referencia a outras peticións previamente presentadas sobre casos similares e que, segundo as palabras do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, son cualificadas como “abusivas”. Precisamente en base a esta consideración desde a Comisión instaron aos diferentes Estados membros a adoptar medidas para prever estes abusos.

Ana Miranda considera que os contratos eventuais non dan resposta ás necesidades da sanidade pública galega, “como xa quedou patente nos últimos meses a raíz da pandemia causada polo coronavirus”. Galiza precisa 8.000 profesionais de enfermería máis, “especialmente tendo en conta o envellecemento da poboación e a redución de servizos públicos sanitarios en determinadas zonas, e a emigración de profesionais causada pola propia precariedade laboral”, sinala a portavoz do Bloque en Europa.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG