O Parlamento aproba a proposta do BNG dunha demanda interestatal a favor dos mariñeiros de Long Hope

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado lembra que son 12.000 os afectados, a inmensa maioría galegos

O Parlamento galego aprobou a proposta presentada polo BNG na que se reclama ao Goberno central que presente unha demanda ante Noruega, -demanda interestatal-, a favor dos 12.000 mariñeiros agrupados no colectivo Long Hope, 8.000 deles galegos, para que podan recibir as prestacións sociais que reclaman tras anos de traballo en buques do país noruegués.

“Esa demanda axilizaría a súa reclamación para un colectivo que, até agora, estivo   abandonado polo Goberno do Estado ignorando a petición de iniciar esta vía pese a solicitude non só dos afectados senón tamén do Parlamento galego”, denunciou a portavoz de Pesca, Montse Prado, “desinterese do Executivo central que obrigou a este colectivo a iniciar a vía xurídica ante os tribunais noruegueses, a pesar de ser máis lenta e custosa economicamente para os afectados e as súas familias”.

A dificultade de verse obrigados a optar pola xustiza de Noruega confírmase na práctica, “xa que as primeiras sentenzas están a ser negativas e obrigándolles ademais a esgotar todas as vías nos tribunais do país nórdico antes de poder chegar ao Tribunal europeo de dereitos humanos”, explicou a deputada propoñente da iniciativa.

“Non é razoable que estean nesta situación nin é de xustiza para persoas que teñen unha idade, que levan moito tempo cunha intensa labor reivindicativa, con escritos, con innumerables actuacións ante todas as institucións dentro do Estado español, nos estados da UE e ante diversos organismos internacionais”, destacou Prado.

A proposición de lei do BNG aprobada tamén inclúe que, en paralelo á interposición da demanda interestatal, o Goberno central “inicie unha negociación real, inmediata e directa con Noruega para acadar un acordo que permita unha solución satisfactoria á situación de desprotección social na que se atopan os mariñeiros emigrantes en barcos deste país”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG