O Parlamento aproba a proposta do BNG para construír o novo centro de saúde no Saviñao

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil advirte que o BNG permanecerá vixiante ao cumprimento do acordo para  iniciar canto  antes as obras do novo centro de saúde

O Parlamento galego aprobou hoxe a proposta defendida pola deputada do BNG, Olalla Rodil para construír o novo centro de Saúde no Saviñao (Lugo). O acordo contempla que as obras se inicien canto antes e o novo centro sexa unha realidade antes do remate da X Lexislatura.

A parlamentaria agradeceu o apoio á proposición non de lei nacionalista e advertiu que o BNG permanecerá moi atento sobre o cumprimento do acordo por parte do Goberno galego.

Na defensa da iniciativa, debatida e aprobada hoxe  na Comisión de Sanidade, Rodil lembrou que a construción do novo centro foi a “eterna promesa electoral do Partido Popular no Concello do Saviñao” para a construción dun novo centro de saúde en Escairón onde o actual, construído nos anos 80, “está absolutamente obsoleto”.

Desde o Goberno galego, manifestou a deputada,  levan anunciando o inicio do proxecto de construción desde 2010 cunha previsión de 40 mil euros que se dividirían  en dúas partidas distintas no marco de programas xerais, mais o certo é que “non se executou nin un só euro”.

Seis anos despois, no mes de decembro de 2016 o propio presidente da Xunta prometía 250 mil euros para 2017 que tampouco chegaron, recalcou Rodil. Na actualidade  volven de novo a  prometer que se construirá esta infraestrutura sanitaria mais o único que sabemos é que formalizaron a contratación do proxecto como aparece recollida no DOG de hai un ano.

Entretanto, a veciñanza do Saviñao adscrita ao centro de saúde de Escairón padece as consecuencias dunhas instalacións que levan 22 anos sen ter sido reformadas e con deficiencias que pasan por: incumprir a lexislación en materia de supresión de barreiras arquitectónicas, non conta con  elevador, filtracións de auga e humidades e  mobiliario e pavimento obsoletos. A resposta do  SERGAS é sempre a mesma,  “non acometerá ningunha actuación ante  a previsión da construción dun novo centro”.

Tras mostrar a súa satisfacción polo acordo parlamentario, a deputada insistiu no seu cumprimento para iniciar as obras  “coa maior celeridade” e  rematalas antes da finalización da X Lexislatura.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG