Opinión

Outra política é posible

Non se poden conseguir resultados diferentes aplicando as mesmas receitas de sempre. Esta frase, atribuída a Einstein, retrata o ditame de PP e PSOE en política forestal aprobado no Parlamento, pois mantén como paradigma un monte centrado na produción de inframadeira con especies pirófitas nun monte sen ordenación. É dicir, o de sempre, que en nada vai axudar a combater os lumes de nova xeración, que chegaron da man do cambio climático nun rural cada vez máis abandonado.

Por contra, a proposta presentada polo BNG ofrecía unha alternativa disposta a transitar por novos camiños para salvar o territorio e unha parte substancial do país, o medio rural. Cunha proposta simple, pero non por iso menos revolucionaria: apostar por un monte multifuncional, ordenado na biodiversidade, produtivo e sostible que xere emprego e asente poboación. Un monte así é tamén o mellor antídoto contra o lume.

Como conseguilo? Apostando por un bosque mixto, en mosaico, empezando pola substitución total ou parcial das especies de alta combustibilidade por caducifolias e por recuperar as 30.000 hectáreas de terras agrarias ilegalmente plantadas con eucalipto. Defendemos unha moratoria na plantación desta especie e delimitar que zonas do país son aptas e en cales debe quedar erradicada.

Precisamente para acadar ese monte multifuncional apostamos por potenciar o asociacionismo ante a atomización da propiedade e vemos nas unidades de xestión forestal, -Uxfor-, unha ferramenta útil nesa dirección. Por iso, tamén defendemos os montes veciñais en man común, nada menos que 700.000 hectáreas.

O BNG tamén considera imprescindible dar un xiro de 180 grados no servizo de prevención e extinción, baixo mando único, público e homoxéneo, con persoal ben formado e con estabilidade laboral, capacitado para detectar e intervir de xeito inmediato.

A mellor xestión do territorio fana os que viven en simbiose co medio, coñecedores del e que se senten parte dese medio, útiles nese medio, satisfeitos con ese medio, por iso, a despoboación do rural é tamén mecha para os lumes. De feito a gravísima vaga de outubro foi resultado de décadas de políticas pirómanas do PP, do abandono do rural, dunha desagrarización consentida e inducida en beneficio do negocio duns poucos e en prexuízo da totalidade da nación galega.

Sinceramente, a alternativa do BNG é unha opción moderna pensada desde aquí e para aquí, en beneficio da maioría dun pobo que se resiste a perder a referencia da terra como raíz secular da súa existencia e da súa cultura.


Artigo publicado en "La Opinión" o 13 de setembro de 2018.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG