Galegas 2020

Orgullo das orixes para construír unha Galiza mellor

Visita Chorente
Visita Chorente

Ana Pontón: “Nunca me resignei cando me dicían que non, que no podía ser por muller, por ser dunha aldea do rural, por falar galego..., e aquí estou asumindo o reto de ser a primeira presidenta deste país da man do BNG”

A líder nacionalista abre axenda na casa natal en Chorente acompañada dos seus pais: “quero facer co País o que Aurita e Luís fixeron por min, darlle un futuro de progreso e con oportunidades”

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, elixiu a casa natal na pequena aldea de Chorente (Sarria) para mostrar a súa cara máis persoal e descoñecida nun almorzo-conversa cos medios de comunicación no que estivo acompañada polos seus país, unha maneira de que os galegos e as galegas coñezan algo máis sobre quen é a líder nacionalista que lles pide o seu apoio para ser a próxima presidenta de Galiza o 12X.

No lugar no que pasou a súa infancia e adolescencia, secundada pola súa nai Aurita e polo seu pai, Luis; Pontón fixo unha reivindicación das súas orixes, nun exercicio de autoestima polo propio que convida a trasladar do individual ao colectivo e que quere, -explicou-, trasladar ao conxunto de Galiza “liderando un goberno que confíe no país”.

“Recoñecerte nas orixes, da igual que sexas dun barrio urbano ou do rural, pero sentir orgullo de onde ves, orgullo dos valores da túa familia”, indicou, “e este é, no fondo, o mesmo espírito que quero transmitir como candidata do BNG: que este país ten que confiar en si mesmo, en quen somos, confiar en que podemos saír adiante co noso potencial, desde o orgullo do que representamos e mirando ao mundo para poder avanzar confiando en nós como país”.

“As túas orixes son algo que te marcan para a toda a vida e é moi imporante que esteamos orgullosas de ser quen somos. A min se algo me marcou foi vivir nunha familia onde había o valor do traballo, de saber de onde es, de vivilo con orgullo, de aprender que para conseguir as cousas tes que esforzarte”, confesou. “Ter unha conexión coa terra, aquí non se tiraba nada, na vida hai que ser humilde, ese é un valor que me ensinaron na casa, coa soberbia non se pode construír nada, na casa tamén me ensinaron a ir coa cabeza alta que non somos nin máis ni menos que ninguén”.

Visita Chorente Nunha casa na que non faltaba nada do necesario, pero tampouco sobraba de nada, a candidata dixo que foron os seus pais de quen aprendeu “a non aceptar un non por resposta”, e sobre todo da súa avoa materna, labrega, da que recibiu as primeiras leccións de empoderamento das mulleres, aínda que ela non lle chamase así.

“A miña avoa, que era moi avanzada ao seu tempo díxome, Ana, non permitas que ninguén che diga que tes que ser menos por ser muller, por contra tiñamos que valernos por nós, ser independentes”. “Se algo me ensinou a miña familia é que podemos construír para avanzar, meu pai e miña nai investiron nos seus fillos e fillas para que tivésemos mellor educación, máis posibilidades cas que eles tiveron. E iso é o que eu quero desde o proxecto do BNG, aportarlle a Galiza, darlle novas oportunidades e facer que este país progrese. E iso tamén o quería simbolizar hoxe aquí, desde as miñas orixes”, explicou.

A candidata contou que empezou a participar en política no instituto de Sarria, porque había cuestións que non lle gustaban e quería facer algo por cambialas: “percibía a discriminación cara o país, a discriminación contra o galego, -que era a lingua dos meus pais e dos meus avós-, e non entendía porqué ninguén se tiña que sentir menos por falala, vía que nos pasaban os trens por diante e ningún paraba na nosa estación”.

Xenerosidade anónima do colectivo

Puxo como exemplo á militancia do BNG “porque traballa por unha idea sen esperar nada” nunha xenerosidade “colectiva” que comparou coa que tiveron moitos galegos e galegas que loitaron en primeira liña da COVID19 desde o anonimato, “como moitas caixeiras de supermercado que estaban alí desde o primeiro día incluso antes de que houbese máscaras, e sei do que falo porque miña irmá era unha delas”, confesou.

“Este país precisa máis que nunca un cambio e o BNG é quen pode darllo, para mudar situacións como o abandono do rural, a emigración de xente nova, a perda de poboación”, enumera unha Ana Pontón baixo a mirada atenta da súa nai que corroboraba a súa valoración, “cando Ana iba a escola, Chorente estaba cheo de nenos e nenas, agora somos menos da metade da poboación”, unha escola a un quilómetro de distancia, que recorrían catro veces ao día para ir comer a casa.

Non había cartos para comer na escola

“Tiñan dereito a comedor, aclara Aurita, pero non había cartos na casa para pagalo porque eran catro irmáns”, e como lembra Ana Pontón “meu pai Luís sempre nós dicía que non tiña unha máquina de facer cartos, cando lle pedíamos cousas que viamos noutras amigas. Pero cando medras daste conta que iso é un valor, que tes que aprender a esforzarte e a loitar polo que crees e o que sempre agradezo de meu pai e de miña nai é a súa confianza. Entendían que a mellor aportación para os seus fillos e fillas era darlles educación, futuro e esa cultura do esforzo”.

Preguntados por como vivían a campaña, ambos proxenitores confesaron que estarán moi atentos ao debate electoral da TVG, convencidos de quen será “a ganadora”. Aurita foi máis aló, ao declarar sen ambaxes, que Ana Pontón sería a mellor presidenta que podería ter Galiza e así de clara explicaba as razóns.

“Para min es a mellor presidenta, Galiza precisa unha presidenta coma ti: honrada, boa política, honesta, transparente é que o tes todo para ser presidenta”, declaraba orgullosa. “Eu diríalle aos galegos e as galegas que lle deran unha oportunidade metendo o voto nas urnas para que fose presidenta da Xunta, que non se van arrepentir porque é unha grandísima política, unha boa persoa, honesta, traballadora e, sobre toda, honrada”, tras confesar que a súa maneira de botar unha man nesta campaña será facendo de canguro da súa neta Icía de catro meses, “e eu encantada”.

Neta de labregos, filla de Aurita que sacou adinte unha pequena explotación gandeira e de Luís, que traballou unha vida na cementeira de Ourol, Ana Pontón, educada nunha familia humilde está disposta a “facer historia” e ser a primeira muller presidenta de Galiza cun Goberno liderado polo BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG