Olalla Rodil: “A Xunta pon trabas para que o galego conte cunha maior presenza no sistema universitario”

Olalla Rodil en comisión parlamentaria
Olalla Rodil en comisión parlamentaria

Olalla Rodil afirma que o Plan de Excelencia do SUG implantará no 2018/2019 o 80% dos créditos en inglés fronte o 23% en galego

A deputada do BNG, Olalla Rodil preguntou ao goberno pola política de normalización lingüística no ensino universitario tralo anuncio  do  Plan de Excelencia do SUG que  implantará a partir do curso 2018/2019 graos nos que “o 80% dos créditos serán impartidos en inglés”  e do anunciado Plan de normalización lingüística na mocidade que exclúe o ensino como ámbito de actuación, en todas as etapas, incluída a universidade.

É  preciso desenvolver unha planificación estratéxica da política lingüística no Sistema Universitario galego  que “a Xunta non está a facer porque non quere”, afirmou a deputada do BNG na comisión de Educación e Cultura.

O ensino universitario, explicou  aparece recollido no PXNLG (2004) como un espazo estratéxico no que a presenza da lingua galega é minoritaria, tanto nos usos docentes como do alumnado. O Plan Xeral de Normalización Lingüística prevé  medidas encamiñadas a promover a lingua galega, entre elas, a creación dunha comisión estábel, coa participación da Xunta e das universidades, encargada de propor e coordinar a política lingüística universitaria. Esta comisión, reúnese só unha vez ao ano e polo que vemos, dixo Rodil,  “a Xunta  caracterízase  pola súa falta de  falta de compromiso e propostas”.

 Ante esta situación preguntou ao secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García cal é a  realidade da lingua galega no Sistema Universitario galego.

A parlamentaria puxo de manifesto que o galego goza dun alto nivel de coñecemento pero o seu uso é “residual” como demostran os datos da USC: docencia, (graos e mestrados), o 75% impartidos  en castelán fronte ao 23%  en galego. Na UDC, no ano 2015 o alumnado que declara falar en galego de maneira habitual é o 21,3% pero  só o 8,5%  mantén lingua galega  na escrita.

Rodil asegurou que na produción científica  a presenza do galego é escasa en todos os planos da actividade investigadora,  teses,  publicacións, divulgación e transferencia de coñecemento.

A deputada tamén se referiu ao curso 2016/2017 na  USC  nas teses de doutoramento, “primeiro chanzo para unha futura carreira de investigación” sitúanse en castelán, o 56%, en inglés o 29%, en galego o 9% e en portugués, no 5%.

En xuño de 2013 a Comisión interuniversitaria publicou un estudo titulado ‘Investigación e lingua. Propostas para mellorar a presenza do galego na actividade científica” dirixido pola profesora Alba Nogueira no que se analizan as causas desta realidade ligadas á inclinación progresiva dos sistemas de avaliación científica cara á indicadores internacionais.

A pesar do proceso de globalización no que estamos inmersas, que sitúa o inglés como lingua de poder e absolutamente dominante, se comparamos “a realidade galega coa vasca e a catalá vemos que hai marxe para situar o galego nunha posición máis vantaxosa” pero para iso, reiterou Rodil, “é preciso desenvolver unha planificación estratéxica da política lingüística no SUG que a Xunta non está a facer porque non quere”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG