Galegas 2016

Olalla Rodil: “O voto ao BNG garante un futuro para o sector agrogandeiro”

Explotación láctea de Outeiro de Rei
Explotación gandeira de Outeiro de Rei
  • Rodil explicou que “o cambio de goberno na Xunta vaise xogar en Lugo entre o BNG e o PP e iso suporá avanzar como país ou continuar como ata agora”
  • Olalla Rodil dixo que “o Goberno Galego ten que ser un catalizador para sacar ao sector gandeiro no bucle no que se atopa”

A candidata do BNG, Olalla Rodil, visitou unha explotación agro-gandeira, no concello de Outeiro de Rei, que apostou pola diversificación na produción para “poder vivir no medio rural de xetio sostible”. Rodil sinalou que “este é o modelo polo que aposta o BNG, trátase de facer que as persoas que o así decidan poidan vivir dignamente no rural”. A candidata do BNG indicou que “non pode ser que se condene aos produtores con prezos por debaixo dos custos de produción”.

“O voto ao BNG garante un futuro para o sector agrogandeiro” dixo Olalla Rodil quen explicou que “o cambio de goberno na Xunta vaise xogar en Lugo entre o BNG e o PP e iso suporá avanzar como país ou continuar como ata agora”. Para o BNG os anos do goberno de Núñez Feijoo supuxeron “unha volta atrás nas políticas que levou a cabo o BNG durante os anos que tivo responsabilidades sobre esta matería na consellaría do Medio Rural con Suárez Canal á fronte”.

“Poñer de novo en marcha o banco de terras será fundamental para as explotacións poidan contar coa superficie axeitada e poidan reducir os custos de produción evitando o afogamento financieiro ao que están sometidas” dixo Rodil que tamén apostou pola necesidade da transformación e a diversificación das producións agrogandeiras. A candidata por Lugo afirmou que “a partir do 25 de setembro ten que haber un tempo novo para o noso rural” e engadiu que “o cambio de goberno na Xunta vaise xogar en Lugo entre o BNG e o PP e iso suporá avanzar como país ou continuar como ata agora”.

Olalla Rodil sinalou que existen experiencias que acreditan a posibilidade de vivir dignamente e con futuro no rural galego “temos que ver como funcionan explotacións como a que visitamos hoxe para ver que é posible, pero dende o goberno hai que apoiar estas iniciativas e non continuar poñéndolles atrancos”. “Solo temos que ver proxectos que xa están en marcha, que son viables e convertelos en exemplo dun sistema produtivo moderno e de futuro para que moitas persoas poidan iniciar unha actividade profesional digna no rural” finalizou a canidata do BNG por Lugo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG