Imprimir

Olalla Rodil: “As políticas de vivenda do PP impiden a emancipación da mocidade”

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 06 de agosto de 2019

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Denuncia o atraso dun ano nas axudas e anuncia que  o BNG presentará iniciativas para facilitar  o dereito  a vivenda  para a mocidade
A deputada do BNG, Ollala Rodil denuncio as dificultades da mocidade para acceder á vivenda. Para a deputada, “as políticas de vivenda do PP impiden a emancipación da mocidade” e máis de 4.000 mozos e mozas seguen agardando polas axudas tras un ano de retraso.

Os mozos e mozas menores de 35 anos, explicou a nacionalista non poden acceder aos alugueres e cualificou de  “vergoñento, indecente, e tomadura de pelo” que a Xunta tarde todo ese tempo en resolver as axudas pero máis grave, recalcou, é que  fosen denegadas a persoas que cumprían cos requisitos por falta de orzamento.

“En total máis de 12 mil galegas e galegos, de todas as idades, solicitaron axudas para pagar o aluguer pero o Orzamento  é absolutamente insuficiente e apenas chega para cubrir un terzo das solicitudes”. 

Por outra parte, dixo, na actualidade, máis de 4 mil mozas e mozos menores de 35 anos inscritas como demandantes de vivenda pública agardan para acceder a un  aluger ou compra de vivenda protexida. En total, incluíndo todas as idades, suman 14 mil demandantes para un parque público no que a Xunta de Galiza non promoveu nin unha soa nova vivenda en aluguer desde o ano  2014.

A emancipación xuvenil caeu en picado desde que estoupou a crise económica e Galiza é a terceira comunidade do Estado español con menor taxa de emancipación entre os 25 e 29 anos, de acordo cos datos publicados polo Observatorio de Emancipación do Goberno central. Rodil apuntou que esta situación é consecuencia da precariedade tras dúas reformas laborais que aínda non foron derrogadas.  “Temos hoxe mozas e mozos percibindo peores salarios que os da mocidade de hai unha década” e os alugueres non deixan de aumentar e para poder emanciparse, unha moza ou mozo deste país ten que investir máis do 50% do seu salario e cando os menores de 35 anos ingresan menos de 1.000 euros ao mes. 

A nacionalista críticou as afirmacións do Presidente da Xunta asegurando que a xente non ten fillos porque non ten parella estable. O que non hai para ter fillos, replicou  “é unha casa e un salario que o permita”.

A deputada explicou que da especulación cos pisos temos un exemplo estes días que afecta aos mozos e mozas que buscan piso para o  vindeiro curso universitario porque os alugueres son en grande medida destinados ao turismo e mentres isto acontece, “Feixóo continua  ausente e sen política social de vivenda dende hai 10 anos”.

 A parlamentaria nacionalista avanzou que o BNG impulsará  iniciativas no vindeiro período de sesións para  garantir unha oferta de vivenda pública en aluguer que atenda especialmente á mocidade e exixirá  que a Xunta  destine  os fondos necesarios para que as axudas de aluguer cheguen, “en tempo e forma, a todas as persoas que as necesitan e teñen dereito a ela”.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/olalla-rodil-politicas-vivenda-do-pp-impiden-emancipacion-da-mocidade/20190806201254025244.html


© 2019 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr