Olalla Rodil

Feixóo terá que explicar a alianza do PP coa extrema dereita antigalega, racista, machista e homófoba

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Desde a Lei mordaza ao “a por eles”, responsabiliza ás forzas estatais da involución democrática e urxe a recuperar dereitos e liberdades. “Daqueles polvos estes lodos”, subliñou a viceportavoz Olalla Rodil

O BNG valorou o “cataclismo” política das eleccións andaluzas tras a eclosión de Vox que, ademais, ten a chave para formar goberno nun territorio con 8,5 millóns de habitantes. Neste sentido, a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, reclamou ao presidente da Xunta que explique canto antes a disposición do PP de aliarse coa extrema dereita antigalega.

“Que lle parece que o PP queira gobernar collido da man da extrema dereita, que lle parece gobernar cunha forza política machista, racista, homófoba, que quere cargarse dereitos fundamentais, unha forza política que nega os dereitos dos galegos e das galegas?”, interpelou Rodil.

O BNG responsabiliza ás forzas estatais do clima de involución democrática que fixo medrar un discurso falso e demagóxico que está detrás destes resultados electorais.  “Daqueles polvos estes lodos, enlamaron o debate político e converteron o terreo nunha lameira, iso é o que fixeron os partidos estatais, -e tamén unha parte de medios de comunicación-, empeñados en facerlle a campaña a extrema dereita. Os resultados están aí”, argumentou a viceportavoz.

“Desde a Lei mordaza até o a por eles”, recalcou Rodil, “propiciando unha situación de franquismo sen Franco, na que hai persoas encadeadas por defender ideas políticas, na que cómicos, cantantes ou activistas das redes son perseguidos e xulgados, unha situación na que a Xustiza toca a rebato para defender ao poder económico en detrimento das persoas. Todo isto crea un clima de involución democrática e alimenta o auxe da extrema dereita”.

O BNG está disposto a contrarrestar e a plantar cara a ese discurso antidemocrático e involutivo, “que nos traslada a tempos pasado”. “En Galiza a mellor maneira de facelo é gobernando para as maiorías sociais en lugar de para o poder económico, é construíndo unha sociedade plural, con igualdade de oportunidades para todos e todas, unha sociedade en favor dos valores democráticos, dos dereitos e das liberdades fronte á represión ao autoritarismo e á persecución do que pensa diferente”, explicou.

Rodil tamén chamou a atención sobre o desapego dunha parte moi importante do electorado que decidiu non participar, un 42% dos votantes optaron pola abstención, “evidenciando que ningunha forza política logrou darlle unha alternativa, un dato que debería motivar unha reflexión”. Igualmente, o BNG considera que os resultados electorais ademais da eclosión da extrema dereita, da división da dereita tradicional constata tamén o fracaso das forzas progresistas e de esquerda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG