Imprimir

Olalla Rodil: "Feixóo só acerta cando rectifica por iso o BNG lle pide que reverta 10 anos de recortes na sanidade pública”

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 03 de febreiro de 2020

Olalla Rodil
Olalla Rodil

O BNG propón plan de choque en atención primaria con 250 millóns de euros, recuperar as 800 camas pechadas e cubrir o déficit de pediatras en 78 concellos

Demanda acabar coa precariedade do persoal sanitario, con profesionais que asinan centos de contratos nun só ano

En materia de sanidade pública, o presidenta da Xunta só acerta cando rectifica, como acaba de demostrar no Hospital de Verín, no que o BNG considera un “éxito” da mobilización da veciñanza, polo que a formación que lidera Ana Pontón insta ao xefe do Executivo a seguir nesa liña de rectificación no tempo que lle resta en Montepío, e reverter no posible unha década de recortes no sistema público de saúde.

“Feixóo só acerta cando rectifica movido pola presión social e política, por iso pedímoslle que rectifique e reverta as consecuencias dunha década de recortes na sanidade pública seguindo o exemplo de Verín. Iso é o que lle pediremos no Parlamento na  sesión de control, que rectifique para reverter as nefastas consecuencias da súa política en sanidade como lle exixen tamén profesionais e pacientes”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil.

A deputada nacionalista avanzou as propostas que o Bloque considera máis urxentes a favor da sanidade pública, que levará ao vindeiro pleno.

En primeiro lugar, un plan de choque de 250 millóns de euros para a atención primaria, porta de entrada ao sistema de saúde que a día de hoxe, conta con menos recursos e arrastra un déficit 142 millóns de euros en relación á cifra anterior á chegada do Feixóo ao Goberno.

En segundo lugar, recuperar as 800 camas hospitalarias pechadas na última década, ao que se suma unha emenda a totalidade en materia de política laboral na sanidade pública, empezando por cubrir a falta de profesionais especialmente en pediatría, porque hai 78 concellos neste país que perderon o servizo de pediatría desde 2004.

“Ten que rectificar en materia laboral na sanidade pública, salientou Rodil, estamos fartas de ler casos das e dos profesionais do SERGAS que asinan contratos por horas e chegan a acumular centos nun só ano”.

A estas alturas, subliñou a viceportavoz parlamentaria, “non hai propaganda nin mordazas que tapen dez anos de Feixóo desmantelando a sanidade pública e por iso no próximo pleno desde o BNG faremos estas propostas e pedirémoslle que escoite o que o están a dicir nas rúas as galegas e os galegos. Que saia do seu encastelamento e rectifique”, concluíu.

Neste sentido, a formación nacionalista traslada o seu  apoio á manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para este domingo 9 de febreiro en Santiago, a que insta a participar de xeito masivo.

Proxecto sólido coas portas abertas

A preguntas dos medios, en relación a cita das eleccións galegas, Rodil volveu insistir en que o Bloque “ten un proxecto político sólido, propio e cohesionado e, ademais, temos a mellor candidata á Presidencia e estamos preparados para liderar o cambio real que Galiza necesita e merece en 2020. A partir de aquí temos, como sempre dixemos, a man tendida e as portas abertas a calquera persoa que se queira sumar ao proxecto do BNG”.

Reiterou tamén a posición da formación nacionalista en relación aos 200 M€ que o Estado debe en concepto de IVE, dando por boa a decisión da Xunta de acudir á vía xudicial para reclamar un diñeiro “que é dos galegos e das galegas”. Aínda que deixando claro que esta medida non corrixe o problema de fondo, que está nun modelo de financiamento autonómico inxusto, discriminatorio e pendente de modificación desde 2014.

Rodil reiterou a proposta do concerto económico para darlle a Galiza “a chave dos cartos”, cunha facenda propia que xestione o 100% dos recursos e permita determinar desde aquí as prioridades.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/olalla-rodil-feixoo-so-acerta-cando-rectifica-iso-bloque-lle-pide-reverta-dez-anos-recortes-sanidade-publica/20200203145140026451.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr