Olalla Rodil cualifica de “desfasados” os plans do PP para protexer á infancia e adolescencia

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Demanda unha rede integral, planificada e coordinada cos axentes que participan na atención e prevención á infancia e á adolescencia priorizando a prevención

 A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil,  respondeu ao conselleiro de Política Social que a   vulnerabilidade da infancia e adolescencia vén marcada pola situación económica e condicións materiais de vida das familias, “empobrecemento, precariedade, dificultades económicas, desemprego, exclusión social, marxinalidade”, mais tamén pola violencia, intrafamiliar ou entre iguais.

Trala comparecencia de Xosé Manuel Rey Varela, para explicar as medidas de protección á infancia en Galiza, Rodil afirmou que os  todos os plans  da Xunta  quedaron  “desfasados” e o último aprobado no ano 2007 remataba no ano 2010.

A deputada insistiu na falta de planificación integral e estratéxica enmarcada nunha política de “totum revolutum” e explicou que  non é o mesmo  falar de “incentivos fiscais á natalidade que de programas de intervención con menores tutelados pola Xunta que se atopan en internamento pechado por orde xudicial”.

Para a deputada, “unha planificación integral” marca pautas, obxectivos, estratexias, fórmulas de intervención e prioridades partindo dunha análise e diagnose concreta, ademais de  coordinar recursos, accións e institucións nas áreas  de atención e protección á infancia e adolescencia na que a maior parte dos servizos  prestados corren a cargo de  entidades do terceiro sector.

En xullo do ano pasado, lembrou Rodil,  a Revista de educación social publicou un artigo utilizando  datos  da propia Xunta, que cifraba  no 82% os recursos públicos xestionados por entidades privadas (ONGs, fundacións…) no proceso de atención e protección á infancia. Fundación Meniños, IGAXES3, Cruz Vermella, Fundación San Rosendo, Fundación Casa Caridad… mesmo a Deputación de Pontevedra sen que teña competencias, xestiona un Centro de menores, o Príncipe Felipe. Unha Deputación.

Non imos entrar, dixo, no debate da xestión directa ou indirecta dos servizos públicos pero si na necesidade de desenvolver dunha maneira integral, planificada, coordinada e con pautas unificadas que tezan unha rede entre todos os axentes que participan na atención á infancia e á adolescencia e que deben priorizar  as políticas públicas e non só na intervención, así como a  prevención coas equipas profesionais e entidades que desenvolven: Programa de mediación familiar, Gabinetes de Orientación Familiar, Programa de Integración Familiar (PIF),- Os Puntos de Encontro Familiar (PEF), Programas de intervención con menores tutelados con atención de día, tratamento terapéutico, intervención ambulatoria, inserción sociolaboral ou acollemento.

“A consellería de Política Social debe  cambiar o modelo  e unificar criterios de intervención e mecanismos de seguimento e avaliación dos programas para garantir un servizo e unha atención acorde ás necesidades das familias, especialmente das crianzas e das mulleres en situación de violencia machista” e debe ampliar o servizo para aproximalo á poboación. Non é lóxico, dixo,  que unha persoa da Maríña  teña que desprazarse a Lugo para a acudir a un punto de encontro.

Cónstanos, porque así llo trasladou aos grupos parlamentares a directora da Fundación Meniños, que están a traballar nun protocolo desenvolvido a partir da súa propia experiencia e tamén do modelo de intervención que caracteriza o seu traballo. Van reformar a normativa e unificar criterios de intervención? Van mudar o modelo de xestión para introducir criterios menos mercantilistas na prestación do servizo priorizando a atención das persoas?, preguntou a nacionalista.

Como segunda cuestión, apuntou a nacionalista, todos os programas dirixidos á protección da infancia e á intervención na adolescencia pasan necesariamente polo  coñecemento de situación de malos tratos, abusos ou desamparo e para iso é fundamental a extensión do Rexistro Unificado de Maltrato Infantil (RUMI) até o de agora apenas desenvolvido no ensino.

Atopámonos nunha situación semellante á da detección da violencia machista. Son os servizos públicos  onde primeiro poden detectarse situacións de desamparo, maltrato ou abuso; de desprotección á infancia, e iso exixe, ademais  da extensión do RUMI, “formación das equipas profesionais para que saiban como detectar posíbeis casos e teñan un protocolo claro á hora de denuncialo, xudicial ou administrativamente”.

Sabemos que está o teléfono de axuda á infancia ou mesmo a denuncia policial, pero de igual maneira que nos casos de violencia machista, precisamos a rede que tece o persoal sanitario (fundamentalmente Urxencias, Pediatría e Atención Primaria) e educativo, tanto na detección como na prevención.

No BNG, remarcou Rodil,  cremos que as políticas de protección da infancia e intervención na adolescencia deben basearse nunha “planificación estratéxica, no deseño de procesos de intervención, xestión e coordinación do sistema da man de todos os axentes e actores que participan neste ámbito, unificando criterios desde unha perspectiva integral”.

E iso exixe que a súa consellaría desenvolva un Plan específico para a infancia e a adolescencia que, até o de agora, non temos, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG