ParlamentoGalego

Olalla Rodil acusa a Feixóo de retratar unha “arcadia feliz” na sanidade pública ante unha Galiza que leva anos mobilizada

Tres medidas de execución urxente: convocar as 5.000 prazas vacantes no SERGAS, 206 millóns de euros adicionais en primaria e reabrir as 800 camas pechadas

“Deixa unha Galiza peor da que atopou hai dez anos ben podería ser o seu epitafio como presidente da Xunta”, argumenta a viceportavoz nacionalista

Se algunha área se viu especialmente afectada pola “desfeita” da década de goberno de Feixóo, esa é a sanidade pública, até o punto de poñer en perigo a saúde das persoas, como demostraron os dramáticos casos da Estrada e Dozón. Con esta argumentación, a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, botoulle en cara ao xefe do Executivo que faga unha descrición idílica da situación cando profesionais e cidadanía galega levan anos mobilizándose en defensa da sanidade.

“Ven aquí a facer un retrato da sanidade pública como se fose unha arcadia feliz, pero como explica entón que este país leve anos mobilizado plantándolle cara a súa política de acoso e derribo ao sistema público de saúde”, interpelou, replicando a Feixóo con datos, “os que vostede non inclúe na súa intervención e que mostran unha realidade que nin a súas mentiras, nin a súa propaganda, nin as súas circulares para amordazar aos profesionais poden ocultar”.

Así, Rodil salientou que, xunto co paro e a precariedade laboral, a situación da sanidade figura entre as principais preocupación dos galegos e das galegas; que nos últimos dez anos o recorte acumulado só en atención primaria é de 2.000 millóns de euros; que o 60% dos concellos carecen de pediatra ou o peche de 800 camas cando é habitual o colapso das urxencias hospitalarias mentres as persoas doentes se amorean nos corredores esperando a ser atendidas.

“E que dicir da atención primaria”, recalcou, “PACs sen persoal porque ten que saír a atender unha urxencia, cupos saturados ou o deterioro das condicións laborais. Parécelle normal que haxa profesionais que asinan contratos por horas que acumulan centos de contratos ao ano?” Rodil salientou que é precisamente “a entrega e a dedicación” destes profesionais o que salva á sanidade do colapso. “Debería caerlle a cara de vergoña”, recriminou.

Por iso, a mobilización social en defensa da sanidade pública vai repetirse na manifestación deste domingo, “cando as rúas de Santiago volverán encherse para dicirlle, alto e claro, que coa saúde non se xoga”, destacou a viceportavoz parlamentaria.

De cara a contrarrestar os efectos da política de recortes do Goberno de Feixóo, o BNG formulou tres propostas concretas “que pode aplicar de xeito inmediato nada máis acabar esta sesión de control”, recalcou Rodil: Plan urxente de mellora da atención primaria cunha dotación de 206 M€, -cantidade que xa motivou unha emenda da formación nacionalista aos orzamentos de 2020-, convocar as 5.000 prazas vacantes no SERGAS e reapertura das 800 camas pechadas durante o seu goberno.

A viceportavoz parlamentaria recomendou ao xefe do Executivo que “aproveite o pouco tempo que lle queda”  antes de que os galegos e as galegas lle dean carpetazo nas urnas a súa década de desgoberno.  “Rectifique como ven de facer no Hospital de Verín, porque a única vez que rectificou foi a única vez que acertou”, alegou, tras sintetizar o balance que deixa o actual xefe do Executivo.

Superar o descoloque do acordo

“Deixa unha Galiza peor que a atopou hai dez anos e, dígollo sen acritude, este ben podería ser o seu epitafio como presidente da Xunta, porque si, deixa vostede unha Galiza peor da que atopou”, alegou.

No debate Rodil tamén replicou as críticas que, de novo, Feixóo volveu verter contra o acordo de investidura do BNG. “Segue vostede descolocado con este acordo porque o deixou co cu ao aire, porque demostrou até que punto foi vostede un presidente ausente, incompetente e desleal con Galiza. E ó único galego que está enfadado por un acordo que é a mellor noticia para este país en dez anos. Supéreo xa, señor Feixóo”, convidou irónica.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG