Ofensiva conxunta en Madrid e Bruxelas para esixir o cumprimento dos requirimentos do procedemento de infracción do Alvia

Néstor Rego, Ana Miranda e Goretti Sanmartín
Néstor Rego, Ana Miranda e Goretti Sanmartín

Ana Miranda insta ao executivo Comunitario a iniciar o proceso no Tribunal de Xustiza da UE se o Estado non implementa xa as medidas de seguridade que esixe a normativa europea

Néstor Rego presenta unha iniciativa no Congreso para saber cando e como a CIAF vai desenvolver a investigación independente que reclama a Comisión Europea

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o deputado no Congreso, Néstor Rego, subliñaron que a formación nacionalista está traballando xa de forma coordinada para esixir ao Estado que cumpra de “forma inmediata” os requirimentos explicitados no procedemento de infracción que iniciou a Comisión Europea contra España hai xusto un ano por incumprimento da esixencia de control de riscos da normativa europea de seguridade ferroviaria.

“O procedemento de infracción insta ao Estado español a poñer en marcha medidas de seguridade segundo a normativa comunitaria mediante unha lei ou un decreto, pero despois dun ano nada disto está feito”, apunta Ana Miranda, quen salienta que para o Bloque é unha prioridade loitar pola verdade e a xustiza en Angrois, pero tamén que un accidente de consecuencias tan dramáticas como o que aconteceu hai sete anos non volva acontecer.

A portavoz do BNG en Europa explica que presentou dúas preguntas á Comisión Europea para que informe sobre cal é o estado actual do procedemento de infracción e cando prevé acudir ao Tribunal de Xustiza, “debido á dilación por parte de España á hora de cumprir os requirimentos da propia Comisión neste asunto de tanta gravidade”. Neste sentido lembra que o Estado xa solicitou dúas prórrogas para cumprir as esixencias do procedemento. Este procedemento de infracción é consecuencia da denuncia presentada polo BNG na Comisión Europea en 2017 contra o Estado, o Ministerio de Fomento, ADIF e RENFE por infracción do dereito comunitario en materia de seguridade ferroviaria e por non facer o control de riscos que esixe a norma no caso do accidente do Alvia.

Acceso aos documentos

“Tamén nos diriximos á Comisión para saber se recomendará de novo ao Estado español a súa obriga de que a CIAF realice unha investigación independente sobre o accidente que esclareza as súas causas”, sinala Miranda. “Goberno novo, comisión nova”, comenta ao respecto. Ademais, indica que outra das iniciativas dirixidas á Comisión se refire ao acceso aos documentos nos que se baseou a apertura do procedemento de infracción. “Queremos saber se a Comisión Europea vai reconsiderar a súa decisión de non permitir acceder á documentación que tivo en conta para abrir este procedemento. Parécenos fundamental poder analizar esa documentación”, salienta.

Pola súa banda, o deputado nacionalista, Néstor Rego, salientou que dará continuidade ao traballo desenvolvido pola deputada Rosana Pérez no Congreso no obxectivo de que se coñezan as causas do accidente no que faleceron 81 persoas e 144 resultaron feridas e se depuren as responsabilidades técnicas e políticas.
Iniciativas no Congreso

Neste sentido explicou que presentará sucesivas iniciativas para saber cando e con que características, recursos e prazos vai levar a cabo a investigación independente por parte da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) e cando vai cesar o Ministerio de Fomento aos membros deste organismo, pois ten potestade para facelo, por deixadez de funcións despois da modificación normativa do 2015 e a exixencia de realización dunha investigación independente, contando co apoio da ERA, como esixe a Directiva marco de seguridade ferroviaria de 2004.

“Queremos saber asemade se no marco da investigación técnica independente vai darse audición ás vítimas do accidente de Angrois e os seus familiares”, subliña o deputado do Bloque, quen considera inaudito que tiveran máis facilidades para ser recibidas pola comisaria de Transportes da Comisión Europea que polo ministro de Fomento.

Ademais, na iniciativa Rego solicita información tanto ao goberno como a Renfe e Adif sobre o contido do Plan de cumprimento enviado a Bruxelas en resposta ao procedemento de infracción aberto en xaneiro de 2019 e defende a reapertura da Comisión de Investigación no Congreso. “Escoitar ás vítimas é unha débeda con elas”, subliñou.


 


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG