Noa Presas pide cubrir as prazas por xubilación do persoal médico na atención primaria en Valdeorras

Denuncia o desmantelamento da sanidade na comarca  e pide á consellería que escoite as demandas  dos profesionais, doentes  e veciñanza

A deputada do BNG, Noa Presas formulou hoxe unha pregunta ao conselleiro de sanidade, Jesús Vázquez Almuíña na que reclamou cubrir as prazas por xubilación do persoal médico de Atención Primaria en Valdeorras e rematar co deterioro sanitario da comarca.

A deputada, denunciou o desmantelamento  da Atención primaria valdeorresa á que sumou a “situación insostible” do Hospital. Para a nacionalista, o Goberno galego está a xogar co “dereito á saúde” polo que demandou unha rectificación contra o abandono de  Valdeorras.

Presas insistiu na necesidade de establecer un diálogo entre a consellería, os e as profesionais, doentes e veciñanza para abordar alternativas contra os recortes económicos e de persoal ao que engadiu  recortes na capacidade de xestión e autonomía pola  reforma da Lei de Saúde.

A deputada tamén  denunciou casos graves detectados durante o Nadal coa  falsificación de partes de garda cuxa investigación non foi iniciada pola Xunta de Galiza porque, ao seu entender, esa falsificación pretendía agochar  “ a falta de persoal”.

Pedímoslle unha rectificación e que doten esta comarca dos medios necesarios na atención primaria e na atención hospitalaria porque están “impedindo o dereito ao acceso á sanidade”, reiterou.  

Na súa intervención, a nacionalista referiuse ás xubilacións do persoal médico sen cubrir e nomeou, entre outras, as  localidades de Rubiá, A Rúa, O Barco, Viana do Bolo e Vilamartín de Valdeorras.

“Reiteradamente a Zona Especial de Urxencias de A Veiga, O Bolo quedan sen cubrir. Iso fai que A Veiga dependa de Viana e O Bolo do Barco, arriscando a calidade do servizo cun só especialista  para  atender até 700km cadrados”.

Nesta parte do territorio, explicou,  existe un problema de  avellentamento e aumento de enfermos pluripatolóxicos pero tamén existen necesidades urxentes no Hospital de Valdeorras no que non funciona o servizo de Hospitalización a Domicilio por falta de persoal.

Trala resposta do conselleiro de Sanidade que destacou o funcionamento, dende onte mesmo, dos desprazamentos, a  deputada desmentiuno  pero de ser así, dixo, quero amosar a miña satisfacción  por comprobar que grazas a pregunta formulada polo BNG, “a consellería toma decisións no bo camiño”.

Por outra parte, a nacionalista salientou que “faltan internistas” e polo tanto non funcionan moitos servizos ademais é  falsa  a activación da  hospitalización a domicilio e a cobertura de profesionais en Atención primaria, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG