Congreso

Néstor Rego: «Queren ilegalizarnos porque defendemos a liberdade da Galiza»

Néstor Rego criticou que a formación de ultradereita pretenda eliminar politicamente a todas aquelas formacións que non pensan como eles e lembrou os resultados das pasadas eleccións ao Parlamento galego en que o BNG obtivo 19 deputados e deputadas e Vox 0.

A Mesa do Congreso impide a tramitación dunha emenda do BNG para convocar un referéndum e decidir entre monarquía ou república, alegando que non é competencia do Goberno.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, manifestou o seu rexeitamento á Proposición de Lei presentada por Vox para a ilegalización do Bloque Nacionalista Galego e outras forzas soberanistas do Estado español e cualificou a forza de Abascal como un partido franquista, após o dirixente ultradereitista aseverar desde a tribunal que o actual goberno é o peor “en 80 anos”.

“Queren ilegalizarnos porque seguimos defendendo a liberdade do noso pobo” salientou Néstor Rego, despois de lembrar o absurdo de que a ultradereita fascista pretenda ilegalizar forzas políticas democráticas. Forzas, ademais, que loitaron pola liberdade durante a ditadura e pagaron un alto prezo por iso, con millares de represaliados, exiliados e mortos. O deputado nacionalista lembrou o líder galeguista Alexandre Bóveda, fusilado en 1936, e o dirixente nacionalista Moncho Reboiras, asasinado en 1975. “E no medio, 40 anos de terror, que vostedes botan de menos”, sinalou.

Néstor Rego lembrou que o BNG defende lexitimamente a soberanía nacional da Galiza, así como o dereito de autodeterminación. Un dereito –subliñou Rego- que non está recollido na Constitución de 78, mais si que está recoñecido pola Organización das Nacións Unidas como un dereito democrático esencial para todos os pobos do mundo.

Rego criticou que a formación de ultradereita pretenda eliminar politicamente todas aquelas formacións que non pensan como eles e lembrou os resultados das pasadas eleccións ao Parlamento galego, en que o BNG obtivo 19 deputados e deputadas e a formación de Abascal, 0. “Está claro que non representan o pobo galego e queren gañar con leis antidemocráticas e tribunais autoritarios o que o pobo lles nega” salientou o deputado nacionalista.

Convocatoria dun referendo monarquía ou república

En relación cunha iniciativa de Unidas Podemos que pide que o CIS pregunte sobre a monarquía, Néstor Rego sinalou que fica curta, pois o que hai que facer é preguntar formalmente á cidadanía sobre o modelo de Estado. Por esa razón, o BNG rexistrou unha emenda instando o Goberno a convocar un refererendo para decidir entre monarquía ou república. Finalmente, a Mesa do Congreso impediu a súa tramitación, alegando que non é competencia do Goberno, a pesar de que o artigo 92.2 da Constitución estabelece que a iniciativa na convocatoria de referendos corresponde ao Presidente do Goberno.

“Ao parecer non poderemos votar, a pesar de que o que se pedía era un pronunciamento político desta cámara e creo que todas as forzas políticas somos conscientes de que, tras o enorme descrédito dos Borbóns corruptos, a monarquía ten os días contados” salientou o deputado do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG