Néstor Rego propón a transferencia da rede ferroviaria para a mellora das conexións no territorio galego

acto estacion de tren
acto estacion de tren
O BNG defenderá actuacións para a modernización do transporte ferroviario na Galiza, en especial, da rede norte de FEVE, a conexión da Coruña con Ferrol e Lugo e o aumento de tramos como o que conectaría Lugo con Santiago

O candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, demandou esta mañá nunha comparecencia na estación de ferrocarril de Santiago de Compostela a transferencia de competencias en infraestruturas ferroviarias e a mellora da rede interior no conxunto do territorio galego que, segundo dixo, é claramente deficitaria.

Na súa intervención, Néstor Rego reclamou a necesidade de que "a administración galega asuma todas as competencias na rede e nos servizos ferroviarios internos e, neste sentido, o BNG proporá que sexan transferidas todas as infraestruturas de comunicación ao noso país, portos, aeroportos, estradas e camiños de ferro, porque é unha premisa para a mellora do servizo".

Considerou "urxente" a modernización e ampliación de infraestruturas necesarias para a mobilidade da poboación e as mercadorías e, concretamente, do transporte por ferrocarril que, segundo dedendeu, é "especialmente relevante tamén do punto de desenvolvemento sustentábel xa que, entre outras cousas, permitiría solucións aos grandes problemas de comunicación que temos, en especial, no ámbito urbano".

Neste sentido, reclamou acometer a mellora da rede ferroviaria interior no conxunto do territorio galego e, en especial, "da rede norte de Feve e das conexións A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo ademais de desenvolver trazados ferroviarios inexistentes agora como o de Lugo-Santiago para o que abondaría con executar o tramo que conecte Ordes con Curtis, apenas corenta quilómetros de vía que resolverían moitas carencias", dixo. Néstor Rego esixiu tamén a execución da conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña, con Punta Langosteira, "que é necesario para garantir a operatividade do porto".

Ademais, insistiu en que o BNG continuará demandando "o remate das actuacións do AVE á Galiza e no Eixo Atlántico para garantir a plena operatividade con alta velocidade desas infraestruturas".

Segundo o candidato do BNG ao Congreso, a transferencia, "vai facilitar que se poña en marcha un servizo propio, galego, que posibilitará a mellora dos transportes interiores e dos servizos de cercanías nas áreas metropolitanas, e especial, de Vigo e da Coruña, esta última con grandes problemas de mobilidade que poderían ser resoltos de maneira satisfactoria e con menos custos por medio do ferrocarril".  Ademais, avogou por unha rebaixa dos prezos dos billetes de ferrocarril co fin de que faga máis atractivo e accesíbel o seu custo.

Responsabilidades políticas do Alvia

Na súa intervención na estación de ferrocarril de Santiago, Néstor Rego referiuse á información feita pública recentemente sobre a denuncia dun técnico do borrado do rexistro de avarías do Alvia media hora despois do accidente de Angrois para reclamar "unha comisión independente de investigación e a depuración de responsabilidades políticas para facer xustiza coas vítimas e para que nunca máis se volva repetir unha situación como esta".

"Está claro que se quixeron tapar todo tipo de responsabilidades abordando de maneira inadecuada a investigación por intereses do PP e do PSOE e é necesario aclarar o que aconteceu e facer xustiza", sinalou.

3 anexos

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG