Néstor Rego pon en evidencia no debate da TVG que Galiza quedou "á intemperie" na pasada lexislatura

Néstor Rego
Néstor Rego
Lembrou que o país tivo os mellores orzamentos cando dous deputados do BNG eran determinantes para a súa aprobación, tres veces máis dos últimos negociados polo PSOE e Unidas Podemos

O candidato pola Coruña, Néstor Rego, deixou á vista no debate da TVG que Galiza estivo "á intemperie" na última lexislatura e defendeu que o regreso do BNG ao Congreso fará que volva unha "voz que responde só aos intereses do país".  Lembrou que con dous deputados do BNG os orzamentos destinados a Galiza chegaron a 2.100 ME, tres veces máis que os 757 negociados por PSOE e Unidas Podemos no último exercicio.

Na última Deputación Permanente, o PNV saíu con catro  novas competencias para o País Vasco, as deputadas galegas que participaron da xuntanza, con votos tamén determinantes, non reclamaron ningún beneficio para o país, "nin a AP9 nin a tarifa eléctrica, por exemplo", sinalou Néstor Rego no debate como exemplo da ausencia de defensa dos intereses galegos que se produciu nos últimos anos.

O candidato do BNG lamentou tamén que o goberno do PSOE, co apoio de Unidas Podemos, negociaran uns orzamentos que destinaban a Galiza 757 millóns de euros, tres veces menos que os 2.145 que se consignaban para investimentos no noso país cando "dous deputados do BNG eran determinantes para a súa aprobación".  Criticou tamén que "non tivera derrogado a contrareforma laboral nin tampouco a Lomce nin a lei mordaza, leis que se mostraron como moi nocivas para os dereitos e liberdades".

Mais as propostas do BNG presidiron as intervencións de Néstor Rego no debate que a TVG programou no último día de campaña ás 10 da mañá, o que criticou o candidato nacionalista que mostrou tamén o seu apoio ao cadro de persoal da galega nun novo venres negro en protesta contra o control político do ente público.

A nacionalización dos encoros de produción eléctrica, a mellora das infraestruturas, a aposta polo I+D+i, a Tarifa Eléctrica Galega, orzamentos para o retorno de emigrantes, subida dunhas pensións discriminatorias e e mellora das condicións laborais foron algunhas das ideas que o candidato do BNG defendeu no programa.

"O PP e PSOE levan 20 anos mentíndonos sobre o AVE, 20 anos enganando un país que ten unhas as infraestruturas ferroviarias do século XIX", dixo Néstor Rego que exisiu tamén que "unha empresa como ENDESA que se fixo de ouro espoliando os nosos recursos, non pode marchar sen poñer unha alternativa enriba da mesa para salvar o emprego nas Pontes.

 O candidato do BNG, Néstor Rego, foi tamén o único do debate que denunciou a "involución democrática" que se está a producir e anunciou que fará fronte no Congreso á "ultradereita fascista".

Néstor Rego fixo un chamamento "a todas as persoas que aman este país e ás decepcionadas coas forzas estatais que discriminan Galiza. Saben que o BNG non lles fallará." "O voto ao BNG dará voz a Galiza. Porá freo ao maltrado do Estado e servirá de muro de contención contra esa dereita ultra-españolista que quere que retrocedamos en dereitos e liberdades. Na Galiza hai esperanza. Hai alternativa", afirmou o candidato ao Congreso pola Coruña.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG