Congreso

Néstor Rego pide derrogar de maneira inmediata o Decretazo Dixital aprobado o mes pasado polo Goberno

Néstor Rego
Néstor Rego
BNG pon en cuestión no Congreso o Decreto de Censura dixital que o Goberno do PSOE aprobou a finais de outubro, así como a Lei Mordaza.

O Goberno de España en funcións, conseguiu aprobar na Deputación Permanente o día 27 de novembro co apoio do Partido Popular, Cidadáns e a abstención de Unidas Podemos, só uns días antes de que se constituísen as Cortes da XIV Lexislatura, a “Real Decreto-lei 14/2019, do 31 de outubro, polo que se adoptan medidas urxentes por razóns de seguridade pública en materia de administración dixital, contratación do sector público e telecomunicacións” o que xa se denominou como “Decretazo Dixital” ou “Lei mordaza dixital”.

Amparándose o Goberno nunha ficticia situación de urxencia, que é para a que está prevista a utilización dos Decretos-Lei, e evitando así os informes pertinentes e o debate sobre o que se pretende aprobar, esta norma outorga ao Goberno, entre outras facultades, a potestade de intervir e asumir a xestión directa de redes e servizos de comunicacións electrónicas, sen orde xudicial, en determinados supostos excepcionais que poidan afectar a orde público, a seguridade pública e a seguridade nacional.

Usando como pretexto os acontecementos que se están producindo en Cataluña, o cal xa supón unha aberración democrática, a aprobación desta Real Decreto-Lei vai máis aló, pretendendo ter un efecto preventivo e aleccionador que supón un novo ataque ás liberdades públicas e unha nova criminalización da protesta e calquera tipo de disidencia, establecendo unha forma de censura a vontade do goberno, polo que constitúe unha ameaza contra dereitos fundamentais como son os dereitos á liberdade de expresión, manifestación, á participación política, etc…

A aplicación deste Decreto ampárase, ademais, en conceptos abstractos como son a orde pública, a seguridade pública e a seguridade nacional, permitindo así abrir a porta a posibles abusos e usos arbitrarios de tales conceptos para aplicar a norma que finalmente queda ao xuízo subxectivo do propio Goberno, que é quen ten a facultade de aplicala, xerando un marco de inseguridade xurídica que non se pode xustificar.

Estamos, por tanto diante dunha norma que, xunto coa Lei de seguridade pública (Lei “mordaza”) aínda non derrogada, establece un marco de conculcación de dereitos e liberdades incompatible cun sistema verdadeiramente democrático.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG