Xerais 2019

Néstor Rego demandará no Congreso un plan estratéxico para revitalizar o sector agrogandeiro

Anuncia en Boimorto que defenderá  propostas para a creación de  emprego na actividade agraria primaria, a  transformación de produtos e impulsar a diversidade da madeira

Xosé Luís (Mini) destaca o potencial de horta de semimontaña e as posibilidades económicas do Camiño de Santiago, aínda sen explorar

O candidato do BNG ao Congreso por A Coruña, Néstor Rego participou no mitin de Boimorto acompañado do candidato á alcaldía, Xosé Luís Rivas (Mini) e as integrantes da candidatura municipal, Carla López e Ana Aguión.

Rego anunciou que o BNG proporá no Congreso “un plan estratéxico para revitalizar o sectores da carne e o leite  e subir as pensións no rural” porque hai persoas, dixo, que dedicaron 40 ou 50 anos da súa vida a traballar no campo e “cobran unhas pensións miserables”. Neste sentido, anunciou que “o BNG pedirá incrementar, de maneira progresiva,  as pensións mínimas na mesma contía que o salario mínimo interprofesional, até igualar ambos ao 60% do salario medio do Estado.

Por outro lado, recalcou que é necesario implantar  medidas no sector da carne e o leite con prezos mínimos para que as explotacións teñan unha maior rendibilidade é para conseguilo, recalcou, é  preciso contar cunha voz que defenda os intereses do galegos naqueles lugares onde se toman as decisións para o noso futuro. O BNG é “a garantía desa voz” porque ninguén mellor que nós para  reclamar o que  necesitamos. “Cando en Madrid ou Bruxelas deciden por nós, sempre o fan contra nós” e o 28 de abril temos a oportunidade de votar a unha forza que leva demostrado que non obedece a ningunha dirección de  forzas  estatais. O BNG sempre votou o mesmo en Galiza que en Madrid, outras forzas políticas que se “presentaban como solución a todos os nosos problemas” non poden dicir o mesmo e a mostra máis recente témola nos orzamentos do estado pactados polo PSOE de Pedro Sánchez e En Marea-Podemos de Pablo Iglesias. “Os peores orzamentos en 17 anos”.

UN DEPUTADO DO BNG É UN DEPUTADO MENOS PARA A DEREITA

Rego asegurou que a verdadeira enquisa é a do día 28 de abril e se os galegos e galegas votan ao BNG será “un deputado menos para esa dereita homófoba, machista, racista, antigalega e casposa” que pretende unha involución democrática e levarnos corenta anos atrás. Se votades BNG, será a maneira de “frealos” porque non queremos que veñan a Galiza a decidir o noso futuro, “imos ir nos a Madrid, os deputados e deputadas  do BNG a dicir o que queremos”, enfatizou. Rego animou aos veciños e veciñas de Boimorto a sumarse á corrente de simpatía que está recibindo o BNG  para que o 28 de Abril, “Galiza teña voz propia no Congreso”. Neste momento, engadiu, “está en xogo un deputado entre BNG, VOX e Ciudadanos” e insistiu que ninguén mellor que o BNG para defender os intereses de Galiza.

Pola súa parte, o candidato á Alcaldía de Boimorto, Xosé Luís Rivas, (Mini),  alertou “do declive” poboacional  de Boimorto, cunha extensión de  82 Km cadrados e 2.040 habitantes. “Temos que revitalizar o rural e dotalo de servizos para fixar poboación” porque Boimorto e súa comarca no ano 1980 experimentou un “importante despegue” na  activade leiteira, “con moi boas explotacións, modernas e de gran produción” pero esta realidade foi  decaendo até a situación actual, con “moita produción pero concentrada”. O candidato á Alcaldía salientou o grande potencial das granxas cárnicas de porco, aves e ovos campeiros ao que sumou a  actividade extractiva de madeira que debe ser mellorada para impulsar o sector do moble.

Mini insistiu en que o Camiño de Santiago debe reverter economicamente en Boimorto e  a súa comarca e avogou por explorar novas posibilidades neste ámbito. Novas posibilidades económicas, dixo, que revertan nos nosos veciños e veciñas.

Finalmente, o candidato á alcaldía de Boimorto, pediu o apoio de  todos os veciños e veciñas de Boimorto para que o vindeiro 28 de abril “Galiza fale con voz propia” da man do BNG no Congreso.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG