Xerais 2019 (10N)

Néstor Rego defenderá no Congreso a construción naval civil na Ría de Ferrol para activar a creación de emprego

Asegura que o BNG se oporá á eliminación de postos de traballo en Navantia

Recuperar a actividade dos estaleiros eliminando o veto á construción naval civil será unha das propostas que o candidato do BNG, Néstor Rego, defenderá no Congreso dos Deputado xunto cun grupo de propostas encamiñadas a recuperar o emprego na comarca.

Na súa intervención en Ferrol, na que estivo acompañado polo portavoz no Concello, Iván Rivas e o candidato da comarca, Ramón Fernández, Néstor Rego mostrou a rotunda oposición a calquera redución e postos de traballo en Navantia e destacou a urxencia de ter voz propia nas Cortes xerais para defender os intereses do sector industrial galego.

"O que está claro é que só unha voz galega fará valer os nosos intereses e impedirá que, como no caso de Navantia, cando se decide por nós saiamos sempre perdendo", sinalou Néstor Rego ao tempo que comparou a taxa de ocupación de Ferrol do 60% fronte  á de Cádiz que chega ao 75% e Cartaxena que alcanza o 96%, "vemos como no tratamento da empresa, somos nós os que claramente perdemos",  lamentou o candidato ao Congreso polo BNG que  anunciou tamén que defenderá a presenza da Xunta no Consello de Administración de Navantia.

Destacou Néstor Rego que estas eleccións se producen "nun contexto de profundo desmantelamento industrial, de norte a sur, con milleiros de postos de traballos en risco de se perder, desde Alcoa até o gran golpe de Endesa de cesar a actividade,  a situación da construción naval na Ría de Ferrol ou os estaleiros de Vigo entre outras empresas afectadas".  Mesmo nesta situación extrema, o candidato nacionalista denunciou que as "forzas que gobernan están botando balóns fóra segundo estean na Xunta ou no Goberno central", afirmou. "Non vai haber quen defenda os intereses do sector industrial galego se non é unha voz propia co cal é aínda máis urxente que o BNG consiga estar no Congreso", apuntou Néstor Rego que lembrou que representantes nacionalistas foron quen, en anteriores lexislaturas, fixeron compadecer o presidente da SEPI e puxeron sobre a mesa a discriminación da empresa na nosa terra.

"Desde o BNG non imos consentir que se reduza o cadro de persoal como está permitido até o 25%, é máis, non imos permitir que se amorticen postos de traballo porque, para nós, a única solución posíbel é máis carga de traballo para non seguir desmantelando un sector clave na Ría de Ferrol", apuntou. 

O BNG defenderá así no Congreso que se elimine o veto á construción civil na Ría de Ferrol, como xa defendeu con múltiples iniciativas, xa que, segundo dixo Néstor Rego, "non hai xustificación para limitar o sector naval á construción militar, creando unha dependencia absurda dun único provedor e provocando picos de serra que leva á incerteza do cadro de persoal". Por esta razón, defendeu tamén a necesidade de ofrecer máis alternativas no acceso real a todo tipo de construción naval, buques civís, fabricación de bens de equipo, reparacións, partindo das posibilidades que ofrece o Complexo Integral do Naval na Ría, cos estaleiros de Fene e Ferrol co fin de garantir a carga de traballo do sector.

"Queremos que a Xunta forme parte do Consello de Administración de Navantia e que exerza a defensa do país ao que ten obriga e que está a esquecer nun organismo que está composto maiormente por directivos que proveñen da administración andaluza, o que se percibe tamén nas inxustizas que se están cometendo co noso país", sinalou Néstor Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG