Xerais 2019 (10N)

Néstor Rego defende en Fisterra a eliminación das cotas para a pesca artesanal

Lonxa de Fisterra
Lonxa de Fisterra
Esixirá no Congreso que o Estado español solicite á UE a exención para a frota galega

O candidato do BNG ás eleccións Xerais, Néstor Rego, defenderá no Congreso que a pesca artesanal quede libres de cotas. Nunha visita a Fisterra, Rego lamentou que o Estado español non defendese os dereitos dos mariñeiros galegos que sofren "unha discriminación e un trato inxusto como consecuencia do reparto de cotas por parte do goberno de Madrid".

Nunha xuntanza con mariñeiros de Fisterra, Néstor Rego presentou as propostas que forman parte do programa electoral do BNG e que defenderá no Congreso dos Deputados a respecto dun sector "tratado inxustamente polo goberno do Estado, o que causa serios prexuízos ás moitas persoas que viven do mar que vén limitadas as súas capacidades de produción".

Na visita á lonxa da localidade, Néstor Rego reuniuse con distintos representantes dos mariñeiros e mariscadores que lle fixeron saber do seu malestar polo tratamento inxusto que padece a pesca artesanal galega, que é a totalidade do sector en Fisterra. "O problema fundamental é que Galiza non ten soberanía sobre o seu mar e as decisións sobre quen e canto se pode pescar estanse a tomar en Madrid e en Bruxelas", sinalou Néstor Rego.

Os mariñeiros que participaron nas distintas xuntanzas transmitíronlle as limitacións que padecen que os obriga a pasar moitos meses ao ano tendo que tirar o peixe ao mar, sen poder traelo para terra para comercializalo e, nin sequera, para facer doazóns.

"Custa entender que os barcos galegos de pesca artesanal teñan que someterse a estas limitacións e cumprir uns cupos que prexudican enormemente ás artes tradicionais do sector no noso país", explicou Néstor Rego para quen está claro que "aos nosos mariñeiros falta quen os defenda porque a súa situación está a ser claramente discriminatoria con respecto a outras frotas".

Pola súa parte, Néstor Rego aseguroulles que no Congreso defenderá que a pesca artesanal quede exenta dos TAC´S e cotas da Unión Europea, o que o BNG defende e esixe tamén nos organismos internacionais a través da eurodeputada Ana Miranda. Neste sentido, anunciou que esixirá ao Estado Español que solicite a súa eliminación fronte ás instancias europeas correspondentes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG