Imprimir

Néstor Rego comprométese a contribuír desde o Congreso á paralización do proxecto de mina de Touro

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 25 de outubro de 2019

Encontro mina de Touro
Encontro mina de Touro
Reuniuse con representantes da Plataforma de oposición ao proxecto mineiro e comprometeuse a demandar cambios lexislativos para impedir novas ameazas medioambientais

O candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego reuniuse con representantes da Plataforma Mina Touro-O Pino NON nunha visita á zona afectada polo proxecto mineiro na que anunciou que levará a Madrid á loita contra a súa apertura e contra a utilización dos terreos como macrovertedoiro.

O candidato Néstor Rego trasladou a representantes da Plataforma Mina Touro-O Pino Non o compromiso do Bloque coa paralización do proxecto mineiro, debate que defendeu tanto no Parlamento Galego como na Eurocámara e que levará ao Congreso a partir do vindeiro 10 de novembro.

Entre as propostas que Néstor Rego defendeu a paralización da conversión de minas e canteiras en vertedoiros, o que afecta a Touro- O Pino e tamén á canteira de Casalonga, no concello de Teo, zona que visitou a pasada semana para reunirse tamén con representantes da veciñanza afectada e comprometeuse a levar ao Congreso a cuestión.

"Trasladaremos ao Congreso oposición ao actual proxecto de reapertura da mina por parte de Cobre San Rafael e defendemos as modificacións lexislativas necesarias para impedir novas ameazas sobre a nosa terra", sinalou Néstor Rego que demandará tamén a necesidade de restauración dos terreos e augas da anterior explotación.

Encontro mina de TouroAo Congreso levará tamén o BNG a modificación da Lei de Minas aprobada en 1973, aínda no franquismo, para adaptala ás exixencias ambientais actuais, ademais de defender a prevalencia da Lei galega aprobada en 2008. Exixirá asimesmo a derrogación do Real Decreto 105/2008, de 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición, e do Real Decreto 975/2009, de 12 de xuño, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras, no que teñen que ver coas intervencións de restauración de espazos degradados con residuos valorizados, de modo que a súa aplicación sexa máis garantista á hora de evitar que estas operacións acaben converténdose en vertedoiros encubertos.

Denunciou que o proxecto mineiro que afecta territorio dos concellos de Touro e O Pino supón un perigo non só en canto contaminación e acumulación de residuos senón tamén como ameaza a outras actividades da zona, en especial, as agropecuarias.

O proxecto ampliaría a zona mineira xa existente até un total de 122 quilómetros cadrados, afectando non só as explotacións agrícolas e gandeiras senón tamén contaminando ríos e mananciais e modificando a paisaxe da zona pola que atravesa o Camiño Francés.

Lembrou o candidato nacionalista o compromiso do BNG coa loita da Plataforma Mina Touro-O Pino e referiuse tamén ao labor da portavoz en Europa, Ana Miranda,que  levou á axenda europea as denuncias contra a contaminación causada polo proxecto mineiro que se tratarán na sesión de novembro da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. Ana Miranda reclamou tamén que unha misión europea se desprazase a Touro para comprobar os efectos do proxecto e o rexeitamento social que provoca.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/nestor-rego-comprometese-contribuir-congreso-paralizacion-do-proxecto-mina-touro/20191025174500025721.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr