Néstor Rego afirma que o BNG será un muro contra a involución democrática e o neofranquismo

Casa Cornide
Casa Cornide
Defendeu, diante da Casa Cornide da Coruña, que será garantía no Congreso da defensa dos dereitos e liberdades públicas

O candidato do pola Coruña ás eleccións do 10N, Néstor Rego, asegurou diante da Casa Cornide da Coruña que o BNG no Congreso manterá "con firmeza a defensa dos dereitos e liberdades públicas e a devolución do patrimonio roubado" ao tempo que se presentou "como garantía para frear a ultradereita".

O BNG volveu á Casa Cornide da Coruña neste día 5 de novembro en que estaba prevista a celebración do xuízo contra os nove militantes nacionalistas acusados por reivindicar a devolución do patrimonio roubado por Franco, adiado ao pedir a familia un incremento das penas, engadindo á acusación os  delitos contra o honor ou a violación de morada.

No acto, o candidato pola Coruña, Néstor Rego asegurou que o BNG será no Congreso quen lle pare os pés "a esta ultradereita carca, antigalega, machista, racista, xenófoba e homófoba e farao xa nestas eleccións do 10 N", sinalou.

Explicou Néstor Rego que a vista foi adiada ao pedir a familia Franco un aumento de pensas que pasarían a 9 anos de prisión e 24.000 euros por cada un dos nove militantes do BNG que en setembro de 2017 reivindicaron na baranda da Casa Cornide a devolución do patrimonio roubado polo ditador. "Parécenos unha barbaridade desde o punto de vista político e xurídico e o que está a acontecer é a consecuencia de que as forzas do bipartidismo alentasen o ultra españolismo, esa reacción que agora toma corpo político tamén nestas eleccións", denunciou Rego.

"Que saiban que o BNG non se vai botar atrás, que imos manter con firmeza a defensa da democracia, a defensa da devolución do patrimonio roubado e imos parar os pés a esa ultradereita xa nestas eleccións", sinalou o candidato nacionalista que asegurou que "o BNG vai estar no Congreso para defender a democracia fronte unha ultradereita que está crecida porque lle deron alas as forzas do bipartidismo".

Contra a ultradereita que promove a violencia

Xunto con membros da organización nacionalista entre os que se atopaban algúns dos acusados, Néstor Rego asegurou que ter "representación no Congreso vai ser garantía de que outros non a teñan e tamén de defensa dos dereitos e as liberdades públicas fronte esa extrema dereita que anuncia e ameaza con ilegalizar forzas políticas como o BNG por defender os dereitos de Galiza". 

O candidato nacionalista sinalou tamén que esa extrema dereita co seu discurso "lexitima e provoca cuestións moi graves que están pasando desde que se senten fortes: agresións físicas a unha froiteira na Coruña, agresións físicas a persoas homosexuais nas nosas cidades nos últimos meses, pintadas contra a memoria histórica en monumentos de homenaxe ás vítimas do franquismo, mensaxes racistas ou contra o feminismo lanzados sen ningún tipo de reparo…".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG