Xerais 2019 (10N)

Néstor Rego afirma que o BNG estará no Congreso para ser a voz dos intereses de Galiza e da democracia

Avia Veiga, Néstor Rego e Francisco Jorquera
Avia Veiga, Néstor Rego e Francisco Jorquera

Nun almorzo informativo, o candidato pola Coruña, destaca que a formación nacionalista está sumando apoios de persoas desencantadas con outras forzas

Defende que a presenza do BNG será chave para un maior peso político e económico de Galiza

O cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, participou esta mañá nun almorzo informativo na Coruña no que asegurou que o BNG defenderá no Congreso un maior peso político e económico para Galiza ademais de garantir os dereitos democráticos fundamentais que están a ser conculcados. Na súa intervención, Rego mostrouse confiado en que o BNG volverá a ser a voz de Galiza en Madrid e afirmou que está a sumar apoios de persoas desencantadas coas actuacións doutras forzas políticas.

Acompañado polo portavoz do BNG no concello da Coruña, Francisco Jorquera e a concelleira, Avia Veira, o cabeza de lista da formación nacionalista, Néstor Rego, mostrouse convencido de que nas vindeiras eleccións do día 10 de novembro recuperarán a representación no Congreso "como voz necesaria e urxente de Galiza en Madrid".

Afirmou, neste sentido, que o BNG está a recibir "mostras de apoio e ánimo de persoas que había moito tempo que estaban afastadas mais que vén a necesidade de votar ao BNG, en especial, despois de ver a experiencia dos últimos catro anos e mesmo dos últimos seis meses en que sentimos o abandono e a desidia na defensa dos nosos intereses".

"Moitas persoas está transmitíndonos a decepción con forzas da esquerda española que incumpriron as súas promesas, como anunciar un grupo parlamentar galego que logo non existiu ou aprobar uns orzamentos que con anterioridade recoñeceran que eran negativos para os intereses do país. Neste sentido, o BNG se presenta como alternativa que sempre se comprometeu na defensa de Galiza e garantía de ser a súa voz en Madrid", sinalou Néstor Rego.

Tres eixos na defensa dos dereitos do país

Con este obxectivo, o BNG concorre ás eleccións con tres eixos fundamentais de actuación, a comezar por propostas de carácter económico e social "para facer fronte ao desmantelamento industrial que estamos a padecer, que pon en risco unha grande cantidade de postos de traballo polo que defenderemos con contundencia saídas laborais e sólidas perspectivas de desenvolvemento económico tamén para que regresen os milleiros de mozas e mozos que tiveron que marchar do país".

Un segundo ámbito de actuación centrarase, segundo afirmou Néstor Rego, na defensa dun novo estatus político para Galiza, encamiñada a "conseguir unha maior capacidade para decidir, un autogoberno máis real con novas competencias en moitos ámbitos como transporte e enerxía". "A irrelevancia política do país permite que sexa posíbel o desmantelamento sen que ninguén diga nada e que mesmo que feijóo chegue a dicir falando de Endesa que no País Vasco isto non pasaría, deixando á vista que non exerce de presidente senón de submiso servidor", afirmou

Finalmente, Néstor Rego destacou que será obxectivo da presenza do BNG no Congreso, "defender a democracia, en especial despois dunha sentenza como a que se fixo pública onte que, como vimos non vai contra Cataluña senó contra a toda a poboación xa que se están a criminalizar dereitos como o de manifestación que estaban recoñecidos e garantidos polo que, nun futuro, calquera mobilización de carácter social ou político pode ser cualificada de delito de sedición e castigada".

Referiuse tamén o candidato do BNG á propostas que defenderá no Congreso relativas a demandas da Coruña, en especial, á condonación da débeda do Porto Exterior -como se fixo co de Valencia-, a mellora do transporte ferroviario con Lugo e Ferrol, a rexeneración da ría do Burgo, "unha serie de actuacións que o goberno central ten pendentes e nós consideramos de carácter urxente".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG