Imprimir

Música para todos os públicos no primeiro día do Festigal

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 24 de xullo de 2012

A undécima edición do Festigal ábrese este martes 24 no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela cunha potente oferta musical e cultural. A música tradicional de Zurrumalla e a rapeira AID escoitaranse á tardiña no Café Concerto, onde se poderá desfrutar tamén de 1 hora de audiovisual adicada ao Festival de Cans coa proxección de “Dúas letras” e “O Xigante”, curtametraxes premiadas na edición deste ano, e O ano que saimos na CNN, que resume en 21 minutos a marabillosa experiencia deste singular festival galego de cine.

ÁS 11 da noite comezará o primeiro dos Concertos do Festigal 2012: será o turno do rock de serie B de ATAQUE ESCAMPE; das influencias musicas galegas, balcánicas, rusas, francesas ou italianas da BANDA CREBINSKY; do reggae e punk electrónico dos franceses LA PHAZE e do rock de ZËNZAR.

Os FOLERPAS poñerán música á zona de xantar e ao recinto do Festigal onde todo tipo de públicos poderán desfrutar das feiras do libro, asociacións ou artesanía asi como dunha zona con xogos adicada á xente cativa.

A Galería das Letras acollerá un recital de poesía galego-portuguesa e a presentación de diversos libros entre as cinco da tarde e as dez da noite. Camilo Nogueira falará ás 19:15h da súa obra “A Rota do Sol” acompañado pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda e polo director da Fundación Galiza Sempre, Xabier Macías. A continuación será a quenda de “As rapazas de Xan” presentado polo autor, Manuel Iglesias Turnes e máis polo editor Manuel Bragado.

Debates, ideas

O debate na Galería das Ideas comezará ás 8 da tarde. Alfredo Pereira, Presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común; Xesús Asorey, da Asociación Galega de Apicultores; un representante de ADEGA e a deputada do BNG Isabel Sánchez Montenegro falarán sobre “O valor e a necesaria defensa dos recursos naturais”.

O Festigal continuará o 25 de xullo cunha nova xornada de lecer e oferta cultural e musical.

O programa completo pódese descargar aquí e se queredes terdes máis información dádevos unha volta por esta ligazón.

 

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/musica-todos-publicos-no-primeiro-dia-do-festigal/20120724091815009796.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr