Montse Prado reclama que a xestión dos buques do servizo de gardacostas de Galiza sexa pública

Montse Prado
Montse Prado

A parlamentaria afirma que os servizos prestados dende o ano 2006 pola empresa privada REMOLCANOSA ascenden a 50 M€ por persoal e mantemento en embarcacións propiedade da Xunta  

A deputada do BNG, Montse Prado cuestionou hoxe na Comisión de Pesca que o servizo de Gardacostas de Galiza sexa xestionado por unha empresa privada cando os medios pertencen a Administración pública.

A Xunta é propietaria  do remolcador “Sebastián de Ocampo, do buque de salvamento e apoio “Irmáns García Nodal”, do Buque pesqueiro Valentín Paz Andrade e da patrulleira “Paio Gómez Clariño” pero os catro barcos, tras a catástrofe do Prestige pasaron a formar parte da flota maior de Gardacostas de Galiza.A deputada lembrou que o exconselleiro López Veiga iniciou os trámites para privatizar as naves e no ano 2006 a través de concurso, a empresa REMOLCANOSA faise cargo da xestión dos barcos. O contrato, cun período de dous anos era prorrogable ate un máximo de 25, circunstancia que o Goberno galego aproveitou para continuar coas prorrogas. A parlamentaria tamén indicou que o propio Consello de Contas xa cuestionou a “normalización” desta prorroga durante tantos anos.

A xustificación da prorroga, explicou Prado, era a falta de cualificación do persoal para a navegación das naves, pero iso xa está solventado polo que  criticou que o Partido popular, “non fixera nada” durante estas dúas lexislaturas. Si na actualidade o  Servizo de gardacostas segue privatizado, remarcou,  é exclusivamente “responsabilidade do Partido popular”.

Pola súa parte, o director do Servizo de Gardacostas de Galiza, Lino Sexto Bermúdez defendeu a xestión da concesionaria asegurando que o servizo é “eficaz” e con vantaxes económicas  ao que a nacionalista replicou que  dende o ano 2006 a xestión de REMOLCANOSA ascende a 50 millóns de euros por mantemento e persoal en medios que son propiedade da Administración pública. Facendo as contas, dixo, se a Xunta asumira ao 42 traballadores non alcanzaría esa cifra.

A parlamentaria tamén criticou que Sexto Bermúdez argumentara 24 horas de servizo, “igual que na Sanidade”, contestou a parlamentaria do BNG e os outros servizos de gardacostas con quendas de 24 horas. Non estamos ante unha cuestión técnica insistiu  Prado, estamos ante unha “posición ideolóxica”  para seguir  mantendo “privatizado” un servizo para embarcacións maiores. Detrás de todo isto, engadiu, atopámonos con “ escurantismo e un interese claro do Partido popular para facilitarlle o negocio e as ganancias ao grupo Nosa Terra 21”, o mesmo que xestiona o centro sanitario de Povisa na cidade de Vigo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG