Parlamento Galego

Montse Prado: “O Sin Querer II e Blue Star demostran a urxencia de termos as competencias en seguridade marítima”

Montse Prado
Montse Prado
Denuncia a indefensión da costa galega fronte ao escurantismo da Xunta e critrica as decisións erráticas do Goberno galego e do Estado

A portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, trasladou ao Parlamento a petición de información en referencia ao accidente do pesqueiro Sin Querer II fai un ano, co resultado de dúas persoas falecidas e unha desaparecida. Destacou que no que vai de século XXI afundiron máis de cen barcos da frota galega.

Prado tamén lembrou o inxente tráfico do corredor de Fisterra con miles de barcos que o cruzan cada ano, a maioría portando mercadorías perigosas e contaminantes, mentres que a costa galega segue igual de desprotexida que fai 17 anos cando se afundiu o Prestige, como evidencia o encallamento do Blue Star que, de levar a carga habitual, podería ter provocado un novo sinistro ambiental.

Ambos casos son para a deputada nacionalista un novo e claro exemplo da urxencia de que Galiza conte canto antes coa competencia en seguridade marítima.

“Quero que o meu país estea protexido e para iso é necesario que teñamos a transferencia de salvamento marítimo para a protección das nosas costas e da nosa frota”, salientou Prado, “e claro que conta quen teña as competencias para decidir onde se colocan os medios”.

A portavoz de Pesca acusou á Consellería do Mar de “escurantismo e de falta de información”, ademais de estar “subordinado” e permitir ser “ningueada” polo Goberno do Estado pese a tratarse da seguridade do litoral galego. Tamén denunciou “as decisións erráticas das distintas administracións”, que volveron quedar de manifesto despois de que o quimiqueiro encallase na Ría de Ares e dos fracasados intentos de remolcar o buque.

“Temos un goberno que non se ocupa de ter os medios, nin de ter un protocolo para saber como reaccionar ante os accidentes no mar. Nin están, nin se lles espera”, criticou Prado á titular de pesca, Rosa Quintana.

A deputada advertiu que, de novo, vai ser o sector pesqueiro e marisqueiro os que paguen as consecuencias e, neste sentido, interpelou a Xunta sobre as posibles compensacións previstas para a frota afectada pola prohibición de faenar a  unha milla do buque accidentado en Ares, prohibición precisamente durante o mes de decembro, no que o sector executa unha parte substancial da facturación anual. Pero, pese as perdas que iso poda ocasionar e as preguntas de Prado, a conselleira do Mar evitou aclarar se o Goberno ten previsto compensacións.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG