Montse Prado: “ O PP non quere transparencia nas listas de espera"

A deputada demandou do SERGAS a publicación das listas de espera, estruturais e non estruturais, recuperar a totalidade das prazas de persoal eliminado desde o ano 2009 e presentar no Parlamento galego un informe coas derivacións de doentes da sanidade pública a centros sanitarios privados. O Partido popular rexeitou a iniciativa nacionalista.

Montse Prado

Pleno.- A parlamentaria do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha moción destinada a facer públicas a “totalidade das listas de espera do SERGAS”, tanto estruturais como non estruturais e poñer en marcha todos os recursos dos que dispón o SERGAS para impedir a derivación de doentes da sanidade pública á sanidade privada. A iniciativa do BNG tamén reclamaba “restituír ás listas de espera a doentes que non aceptaron seren derivados a centros sanitarios privados”.

Asemade, dentro do puntos demandados na moción, figuraba a constitución e convocatoria dos consellos de área coa participación social e territorial da cidadanía como sinala a lei de Saúde de Galiza do ano 2008.

O PP afirma que o PSOE, co apoio de Podemos, tamén utiliza as derivacións a centros privados para reducir as listas de espera

Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, Marta Rodríguez Vispo rexeitou as críticas da nacionalista sobre a falta de recursos para aliviar as listas de espera das que dixo son “xestionadas con eficacia”, a través das “derivacións”. Sobre a falta de recursos, a popular negou os recortes nesta materia e puxo como exemplo a construción dos hospitais de Vigo e o Salnés. Rodríguez Vispo defendeu as derivacións de doentes da sanidade pública á sanidade privada e lembrou que este sistema é o mesmo que utilizan algúns gobernos socialistas co apoio de Podemos en diferentes comunidades do Estado español.

Montse Prado

A parlamentaria nacionalista replicou que “por que haxa delincuentes que están roubando dereitos á poboación e converten a sanidade nun negocio para os amigos, non os exime a vostedes de seren cómplices e aplicar políticas nesa mesma dirección”.

As persoas que rexeitan ser derivadas a centros privados son borradas das listas de espera do SERGAS

A deputada afirmou que na EOXI de Ourense existen 7.000 pacientes en lista de espera e 800 con máis de dous anos, “esta é a realidade das colas de programación do SERGAS”. A nacionalista reiterou que as persoas que rexeitan ser derivados a un centro privado “son eliminados da lista de espera” e a negativa responde a que “saben que os centros privados teñen peor asistencia”.

A parlamentaria criticou que o PP aprobara a Lei de garantías coa intención de “darlle cobertura legal ás derivacións para seguir, dixo, “engordando os petos” da sanidade privada. Teñen miles de persoas en lista de espera para derivalas á sanidade privada.

A moción defendida pola parlamentaria do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG